Skip to main content
Lugo

Máis de 6000 persoas consultaron o punto turístico da praza Maior de Lugo

Por 9 Xullo, 2022Sin comentarios

 A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, anunciou que o posto de atención turística na praza Maior atendeu, durante o primeiro mes de funcionamento, a máis de 6.000 persoas. Maite Ferreiro destacou a importancia deste punto, “que nos permite aumentar ano tras ano a cantidade de visitantes que reciben información turística á súa chegada a Lugo para mellorar a súa estancia na cidade”.

“Estamos a posicionar a Lugo como un destino turístico de calidade, destacando a nosa posición estratéxica como centro do turismo na Galiza, ademais de poñer en valor o gran patrimonio histórico e cultural co que contamos”, explicou Maite Ferreiro en referencia aos datos turísticos do último mes, con 6.049 persoas atendidas no punto de información da praza Maior e a Oficina Municipal de Turismo a 3.174.

Entre os visitantes que se achegaron ás distintas instalacións turísticas, destacan os procedentes do resto de Galiza, ademais das principais zonas do estado como Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía. Francia, Portugal, Reino Unido e Alemaña son os países con máis turistas estranxeiros rexistrados nas estatísticas municipais, onde hai rexistros de turistas de distintos países de todo o mundo.