Skip to main content
Lugo

O PP reclama a apertura do Museo Provincial de Lugo todos os días da semana

Por 12 Xullo, 2022Sin comentarios

O Partido Popular da provincia de Lugo criticou hoxe os horarios do Museo Provincial, dependente da Deputación, “como todos os luns, está pechado”. E é que segundo informaron os populares, na mañá de hoxe, as rúas da capital estaban ateigadas de turistas, “pero os visitantes, hoxe, non podían visitar o Museo”.

O grupo provincial popular reclama do goberno da Deputación que manteña aberto o Museo Provincial todos os días da semana e di que, se para elo, é preciso máis persoal, que se contrate. Os populares atribúen a actual situación “aos luns ao sol de Tomé e a súa falta de confianza nos recursos turísticos da provincia”.

O portavoz do PP no organismo provincial, Javier Castiñeira, explica: “Diante do Museo Provincial, da Deputación de Lugo, uns visitantes queixábanse esta mañá por non poder visitar o Museo Provincial. Está pechado porque é luns e o goberno provincial decidiu que o luns non abre este museo. É unha pena e resulta moi chamativo, porque moi cerca está a Casa dos Mosaicos, do Concello, que abre todos os días, e cerca tamén, se pode visitar durante toda a semana a Catedral”.

Castiñeira lembra que “o grupo provincial do PP levou unha pregunta ao pasado pleno da Deputación para interesarse por esta cuestión”. No PP entenden que “non é lóxico que en verán o Museo Provincial estea pechado os luns; vemos cantidade de guías turísticos con numerosos turistas e unha intensa actividade turística nesta
cidade”.

Os populares piden “á Deputación de Lugo que corrixa a súa política de museos e manteña aberto o Provincial, tan importante para toda a provincia”. Castiñeira engade: “A desculpa para non abrir os luns no pode ser a falta de persoal; se se necesita persoal para ter aberto, hai que contratalo. Iso foi o que lle dixemos ao goberno provincial na pasada sesión plenaria, pero parece que o presidente Tomé non quere investir máis no museo para telo aberto tamén os luns este”.

Castiñeira espera “que tanto a deputada de Turismo, do PSOE, como de Cultura, do BNG, se senten a resolvelo para que se poida visitar o museo os luns”.