Skip to main content
Lugo

Un concurso de Djs porá a nota musical ao Localmente Lucense

Por 11 Xullo, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo pon en marcha un concurso de DJ’s dentro do movemento Localmente Lucense. Esta iniciativa, que promove a área de Desenvolvemento Local e Emprego, enmárcase no Plan de dinamización de barrios, co que a rexedora lucense busca fomentar as compras e o consumo nos comercios, a hostalería e os diferentes establecementos de proximidade da cidade.

Lara Méndez destacou que “este certame, ademais de darlle vida aos barrios, é unha oportunidade para que as persoas con talento musical poidan visibilizar o seu traballo para buscar unha posible saída profesional e ter un premio ou recoñecemento”.

Neste senso, os participantes disporán de 30 minutos na sesión de tardeo ou noiteo que se lles asigne para realizar a súa actuación. As inscricións, que estarán abertas a todas e todos os interesados, maiores de 16 anos, totalmente de balde, xa se atopan abertas cubrindo o formulario da web www.localmentelucense.gal/concursodjs, onde tamén se poden consultar as bases.

O concurso levarase a cabo en dúas fases. Unha primera de preselección: durante os diferentes tardeos e noiteos de xullo, agosto e setembro, unha persoa do xurado rexistrará e valorará a sesión do/s aspirante/s asignado á mesma e de aí, finalmente, seleccionaranse ás tres persoas DJ’s que pasarán á final do concurso.

A final celebrarase no último tardeo Localmente Lucense, o 30 de setembro de 2022. No transcurso dun evento especial as tres persoas finalistas someteranse á decisión final do xurado profesional.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, explicou que “buscamos incentivar o talento local e darlle visibilidade aos artistas da nosa cidade, ao tempo que apoiamos o seu traballo e contribuímos a encher de vida as prazas da cidade durante toda a tempada estival”.

Unha vez recibida correctamente a inscrición de participación, a organización porase en contacto coa persoa aspirante e asignaralle a sesión de tardeo ou noiteo na cal deberá realizar a súa sesión. As sesións celebraranse durante os meses de xullo, agosto e setembro e pódese participar en solitario ou en dúo.

A orde de participación determinarase ao azar e será comunicada con antelación a cada participante. Poderán participar con sesións de diferentes xéneros musicais debendo ter en conta que o xurado valorará a orixinalidade e innovación nas mesturas; así como, a animación e dinamización. Así mesmo, cada concursante pode traer o seu propio equipo ou utilizar o equipo da organización.