Skip to main content
Lugo

O PP denuncia unha “guerra aberta” no Concello de Lugo pola Escola de Música

Por 12 Xullo, 2022Sin comentarios

O Partido Popular do Concello de Lugo denuncia que, entre PSOE e BNG, “hai un boicot permanente e unha guerra aberta polo control da Escola de Música” e , en cambio, a ningún dos dous partidos lles interesa impulsar a Banda Municipal.

A concelleira popular Beatriz Vázquez asegura que o Goberno “faise oposición entre eles mesmos” xa que “mentres o BNG, de quen depende tanto a Banda como a Escola, convoca as eleccións para montar una directiva propia deste último servizo, de forma paralela o PSOE, que ten as competencias de persoal, saca a praza de Director da Banda que, asumiría a dobre función de dirixir esta agrupación e tamén controlaría a Escola de Música”.

A cuestión é que co bipartito de Lugo chegamos ao último ano deste mandato e observamos que “en vez de impulsar a Banda Municipal histórica que tiñamos en Lugo o único que lles preocupa é manter a máxima cota de poder na Escola de Música”.

Neste momento e dado que os nomeamentos provisionais de directores da Banda Municipal non coallaron, ao que hai que sumar outros problemas internos derivados da manipulación política dos partidos do Goberno “estase a producir un desgaste e un desánimo por parte do persoal”. Dende o PP anuncian que presentarán preguntas en comisión para coñecer cales son os planes do bipartito para a Banda Municipal xa que na actualidade hai 15 músicos (2 en excedencia e 1 de baixa permanente) cando o mínimo sería contar con 45-50 integrantes.

Os populares tamén queren saber quen vai organizar a docencia do vindeiro curso académico da Escola de Música xa que dos horarios depende o número de alumnos que se poden matricular e neste curso quedaron lucenses en lista de espera. Por último Vázquez lamenta que a Banda Municipal estea a vivir o seu peor momento dende a súa creación en 1879: “É triste que a banda máis antiga de Galicia que durante anos levou o nome de Lugo por toda Galicia estea agora en coma e sexan os lucenses os perxudicados”.