Skip to main content
Folgoso do Courel

Unións Agrarias insta á Xunta a despregar todos os medios de prevención previstos no PLADIGA

Por 22 Xullo, 2022Sin comentarios

Unións Agrarias insta á Xunta a despregar tódolos medios de prevención e extinción previstos no Pladiga (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia).

Pon o seu persoal a disposición dos afectados polos lumes da montaña lucense e á súa rede de técnicos nas oficinas comarcais da organización para que poidan trasladar calquera necesidade relativa a danos nas vivendas, explotacións, cultivos e base territorial das explotacións afectadas polas máis de 6.000 hectáreas que levan ardido nos últimos días na provincia, principalmente na zona de O Courel. A organización lembra que a media anual de superficie queimada en Galicia na última década é de 20.000 hectáreas; unha cifra que dá idea da gravidade da situación xerada en apenas 4 días nunha zona moi afectada polo despoboamento e o abandono; e onde as rendas da gandeiría e a agricultura teñen as medias máis baixas da comunidade.

A organización denuncia a falla de previsión e a carencia de medios da que está a alertar a veciñanza das zonas queimadas. Insiste na necesidade de redobrar esforzos alén da extinción para dotar ao rural galego dunha xestión territorial axeitada, co foco posto na prevención e na seguridade das persoas que o habitan.

Unións Agrarias lamenta a dramática situación que está a vivirse estes días na montaña lucense, onde as lapas continúan avanzando mentres centos de veciños xa tiveron que ser desaloxados e aldeas enteiras quedaron calcinadas polas lapas destaca o importante traballo que estes días están a realizar todas as persoas e institución que traballan e colaboran na loita contra as lapas que están a asolar amplísimas zonas do Courel. A organización agraria chama a atención sobre a carencia de efectivos de extinción que está a denunciar a veciñanza das zonas afectadas; así como sobre a resposta pouco áxil detectada nalgúns casos; e insta á Xunta de Galicia a despregar de xeito inmediato todos os medios de prevención e extinción previstos no PLADIGA e a axilizar sen demora a incorporación de cuadrillas suficientes para facer fronte á excepcional situación.

UUAA non entende que, nun ano que xa desde a primavera podía preverse especialmente complicado pola seca e a posterior vaga de calor, a administración autonómica non teña actuado con maior previsión e premura. Nese senso, a organización faise eco das protestas de afiliados da comarca do Courel, que indican que o lume que se prendeu durante a tronada do pasado xoves 14 non se atallou en tres días; tempo no que se disparou tanto a superficie queimada como a perigosidade da situación.

Dende a organización fan un chamamento á responsabilidade e lembra que estamos aínda na primeira parte da campaña de lumes e que, en vista das condición meteorolóxicas e a situación extremadamente seca dos montes, a situación de risco estenderase aínda ata mediados do mes de outubro. Nese senso, insta á administración autonómica  a centrar todos os seus esforzos neste eido.

Por outra banda, solicitan que se apliquen as excepcións previstas na Lei de Montes de Galicia respecto ás prohibicións automáticas de pastoreo nas superficies queimadas; pois sendo lumes maioritariamente atribuidos a causas naturais non tería sentido aplicar este dobre castigo aos gandeiros, que alén de perder os seus pastos suporía impedirlles retomar neles a actividade ata decembro de 2024. Asemade, UUAA reclama compensacións para as perdas do pago único da PAC que se poidan dar sobre a superficie queimada.

Unións Agrarias lembra que, alén das condición meteorolóxicas excepcionais que están a vivirse con tormentas eléctricas, temperaturas moi por enriba da media habitual e unha grave situación de seca, a virulencia e a perigosidade dos lumes que estamos a ver estes días ten moito que ver coa acumulación de combustible no territorio debido ao abandono da actividade agrogandeira.  Nese senso, a organización fai un chamamento á reflexión e insiste na necesidade de redobrar esforzos alén da extinción para dotar ao rural galego dunha xestión territorial axeitada, co foco posto na prevención e na seguridade das persoas que o habitan.

UUAA lembra que o abandono do rural é a mellor receita para o desastre medioambiental, debendo apostar a sociedade pola actividade agraria e gandeira, que xestiona o territorio limitando a carga de combustible acumulado e rompendo a continuidade do mesmo con prados, pasteiros, cultivos e terras de labor que limitan a expansión do lume cara a núcleos de poboación e protexen as masas forestais.

Destacan que a protección do noso medio natural no inmediato futuro non vai pivotar tanto en medios de extinción nin en traballos de prevención como no acerto que se teña á hora de apoiar a agricultura e a gandeiría. Nese senso, incide na necesidade de garantir rendas dignas para agricultores e gandeiros, así como unha valoración social á altura da importancia do coidado medioambiental que o seu traballo supón para o conxunto da sociedade.