Skip to main content
Folgoso do Courel

A Xunta destina catro millóns de euros en axudas para as zonas afectadas polos lumes de O Courel e Valdeorras

Por 28 Xullo, 2022Sin comentarios

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantivo un encontro con alcaldes dos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Samos e O Incio, para analizar os danos causados polos lumes forestais rexistrados na zona do Courel. Así, adiantoulles que o seu departamento destinará catro millóns de euros en axudas para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras que se viran afectadas por estes incendios.

Neste senso, José González lembrou que o consello da Xunta deu conformidade ao decreto de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante este mes de xullo. Así, serán un total de nove millóns, dos cales catro corresponden á consellería do Medio Rural.

Durante a xuntanza mantida, o conselleiro trasladoulle aos rexedores que esta convocatoria de axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e por rateo, cuns límites máximos que estarán fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario. Estes topes, explica, oscilarán entre os 3.000 euros e os 50.000 euros.

Así mesmo, José González subliña que, “no caso das subvencións para explotacións forestais, poderán concederse axudas para a reposición das infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento forestal danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios. Tamén, para a madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública, nas zonas afectadas polos lumes”.

No que atinxe ás explotacións agrícolas e gandeiras, o conselleiro indica que as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.

O conselleiro tamén sinala que, arestora, os lumes rexistrados na zona do Courel están controlados. Estes lumes, dos cales tres se iniciaron no Folgoso do Courel e dous no da Pobra do Brollón, chegaron a unirse e afectan unha superficie total estimada de 11.100 hectáreas. Alí permanecen os efectivos do servizo de prevención e extinción da Xunta refrescando as zonas para evitar posibles reproducións.

Sobre isto, o titular de Medio Rural lembraba que na tarde noite do xoves 14 de xullo “Galicia viviu un episodio denominado sistema convectivo de mesoescala, un fenómeno meteorolóxico propio do Mediterráneo onde se rexistraron máis de 6.000 raios en cuestión de catro horas. Esta situación ocasionou ata medio cento de lumes na comunidade, entre eles os localizados na zona do Courel e de Valdeorras”.

O conselleiro lembra que estes lumes foron provocados por raios, pero incide en que estes días estanse rexistrando tamén incendios claramente intencionados, polo que reitera a chamada á cidadanía para que extreme as precaucións nas actividades no monte e para que denuncie calquera indicio sobre unha posible actividade incendiaria do que teña sospeita ou coñecemento. Algo que, lembra, “pode facerse a través do teléfono anónimo e gratuíto 900 815 085”.

Ademais, José González engade que “a Xunta ten claro que é primordial a posta en valor do territorio para tratar de frear os lumes, devolvendo á produción aqueles terreos en estado de abandono ou infrautilización e que poidan actuar de devasa natural fronte os lumes”.

Por último, o titular de Medio Rural indicoulle aos rexedores que, dende onte, está desprazado nas zonas afectadas do Courel un equipo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán para avaliar a afección no solo e poder tomar as medidas a curto e medio prazo necesarias para recuperar o potencial forestal da contorna.