Skip to main content
Sarria

25 cabodano do poeta Fiz Vergara Vilariño, hoxe ás 12 en Samos

Por 20 Xullo, 2022Xullo 22nd, 2022Sin comentarios

Camiños e Cantares nos eidos da bremanza: unha Peregrinación literaria, cantada e falada que rinde tributo ao cabodano do poeta Fiz Vergara Vilariño. Hoxe día 20 de xullo, ás 12 horas en Samos.

No marco das xornadas ‘Camiños e Cantares nos eidos da bremanza: Unha Peregrinación literaria, cantada e falada’ organizadas pola Asociación de Periodistas e Estudosos de Santiago (APECSA), hoxe celebrarase en Samos o 25 cabodano do poeta Fiz Vergara Vilariño (Santalla de Lóuzara -Samos-, 15/4/1953 – 18/7/1997)’.

Os actos comezarán ás 12 horas no Concello, coa participación do alcalde, Julio Gallego; a Comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, e o presidente da Asociación organizadora, Xosé María García Palmeiro. Veciños, familiares e amigos do poeta falarán del e da súa obra, recitarán poemas e escoitarán os cantares e a música da Quenlla, de Vicente Reboleiro e de Cosme Pombo.

Tamén estarán presentes a que foi no Instituto de Lugo profesora de Fiz Vergara, Carmen Beltrán, a poeta Marica Campos e a súa irmá, a dramaturga Tereixa, que estarán acompañadas pola catedrática emérita de Español na ‘University of Maine’, Kathleen March. Paco Martín, Mero Iglesias, Eduardo Rey, Luís Celeiro, Goretti Fariña, Antón Grande, José Jurjo, María Casar, Jaime Félix López Arias, Uxío Novo Rei e Alba Álvarez Vergara serán outros dos participantes na quenda da mañá.

O acto literario e musical seguirá pola tarde, despois do xantar, ás 17,30 horas, en Santalla de Lóuzara. Alí, diante do Muiño, Eva Méndez e Xulio Pérez Pereiras farán unha recreación da obra teatral ‘O vello muíño nunca morrerá’ e Pepe do Campo falará do teatro de Fiz Vergara. Como símbolo da intersección poética dos concellos do Courel, Samos, A Pobra de Brollón e O Incio, farase a lectura de catro poemas de poetas destes concellos. Marica Campo (O Incio) lerá un poema seu, igual que Vicente Reboleiro (O Courel), Carme Beltrán lerá un poema de Olga Novo (Pobra de Brollón) e María Celeiro Vergara lerá un poema do seu tío Fiz Vergara.

O amigo de Fiz e da familia, o poeta Lois Diéguez pechará esta quenda de intervencións cunha ofrenda floral no cemiterio parroquial. A Quenlla fará un concerto de homenaxe e recoñecemento ao poeta.

Para o mes de setembro quedan dúas etapas desta peregrinación literaria, cantada e falada, a primeira será en Sarria o domingo, día 18, e a segunda, en Triacastela, o día 25.