Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Presentado o XV Criterium Aeronáutico de Rozas

Por 14 Xullo, 2022Xullo 15th, 2022Sin comentarios

O deputado de Promoción Económica e Social presentou en San Marcos a nova edición do evento, que se celebrará no aeródromo de Rozas a vindeira semana, do 22 ao 24 de xullo, coincidindo coa Volta Aérea a Galicia, que este ano puntuará para o Campionato Nacional

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o XV Criterium Aeronáutico, que se celebrará no aeródromo de Rozas a vindeira semana, do 22 ao 24 de xullo. A Deputación de Lugo colabora un ano máis con esta cita cunha achega económica de 10.000 euros e coa impresión de cartelería.

Na presentación tamén participaron o presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luis Abelleira; o Concelleiro de Deportes e Xuventude de Lugo, Mauricio Repetto; o Alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiiro, e o xefe do servizo autonómico de Deportes en Lugo, Manuel Otero.

Rivera Capón destacou a importancia deste evento, “que aporta valor, diferéncianos e tamén nos consolida como destino turístico de calidade, sostible e de experiencias. En definitiva, unha cita que encaixa á perfección co modelo polo que apostamos na institución provincial”. Penso que necesitamos este tipo de eventos na nosa provincia e, por iso, dende a Deputación de Lugo colaboramos co Criterium Aeronáutico”, asegurou Pablo Rivera.

A cita organizada polo Real Aeroclub de Lugo coincide, un ano máis, coa Volta Aérea a Galicia, que “na súa 37 edición puntuará para o Campionato Nacional, o que fará este evento aínda máis atractivo”.

O programa inclúe saltos en paracaídas, voos de introdución, avións acrobáticos, un simulador, exposición de aeronaves históricas ou drons. As persoas interesadas en participar nas actividades poden inscribirse ou solicitar máis información no correo criteriumaeronautico@aerolugo.es ou no teléfono 982.310.114.

PROGRAMA

A Volta Aérea a Galicia alcanza este ano a súa edición número 37, tradicional rallye aéreo galaico-portugués onde todos os pilotos que queiran participar poderán medir as súas habilidades aos mandos das súas aeronaves. Proba incluída no calendario deportivo de 2022 da CTNVCM, aprobado pola Real Federación Aeronáutica Española, polo que atraerá a tripulacións e aeronaves de toda a península ibérica. Esta desenvolverase na modalidade Air Navigation Race (ANR), na que se realizarán de forma combinada probas de navegación cronometrada ao longo de roteiros propostos e probas de aterraxes de precisión.

O enfoque divulgativo aeronáutico nace coa organización do Criterium Aeronáutico de Galicia fai 15 edicións. Este consolidouse como un dos eventos aéreos máis importantes no panorama nacional, permitindo ao público iniciarse no mundo aeronáutico a través da participación nas distintas actividades ou simplemente gozando das múltiples exposicións.

En edicións anteriores xa tiveron a presenza de máis de 150 aeronaves nunha soa fin de semana, tanto de afeccionados, como da volta a España de ultraligeros, o Campionato Galaico-Duriense, o Campionato de España de voo con motor, a visita da patrulla de helicópteros do Exército do Aire (Aspa), a Patrulla Acrobática de Paracaidismo do Exército do Aire (Papea), patrúllaa Aguia, o 43 Grupo das Forzas Aéreas, distintas aeronaves do INTA, Sasemar, Aerum Grup, Indra, Policía Nacional, Garda Civil, DXT…

Unha das actividades con máis acollida é o salto en paracaídas. Os máis atrevidos poderán gozar dun salto en tándem, cunha caída libre a máis de 200 km/h desde unha altura de algo máis de 3.000 metros, para logo abrir o paracaídas, controlado en todo momento por un profesional, e poder gozar dun descenso suave e controlado mentres goza da paisaxe. (Imprescindible reservar praza).

Outra actividade imprescindible no Criterium Aeronáutico é o voo nun avión acrobático. Poderá vivir unha experiencia única a bordo dun IAC-52 da Patrulla Acrobática Jacob 52, única de carácter civil existente en España. Todos os pilotos da patrulla suman unha gran experiencia, tanto no ámbito militar como civil. (Imprescindible reservar praza).

Destaca a visita tamén do avión acrobático do Real Aeroclub de España, o icónico Extra 200, pilotado polo coñecido piloto Javier Aranduy Laiseca, campión de España de voo acrobático no campionato CEVA na categoría de avanzado en 2017 e en intermedio en 2016.

Para o público menos atrevido haberá dispoñibles os voos de introdución, ofrecendo a posibilidade de dar un agradable paseo nunha das nosas aeronaves cun experimentado piloto.

Como sempre, ademais destas, haberá variedade de actividades e exposicións pensadas para o público que prefire ter os pés no chan.

  • Exposición de medios aéreos e equipos das principais empresas do polo tecnolóxico e industrial de Rozas: Inta, Aerum Group e Indra.
  • Visita de helicópteros e avións de entidades estatais (DXT, Garda Civil e Policía Nacional). Previsiblemente a Policía Nacional estará os tres días e o da Garda Civil virá o sábado 23 de 10:00 h a 13:00 h.
  • Simulador de voo.
  • Proxectos aeronáuticos do ciclo de Aeromecánica do CIFP de As Mercedes, entre os cales destaca a construción dunha aeronave 100% eléctrica.
  • Exposición de avións non tripulados (DRONS e RPAS).
  • Exposicións estáticas de todo tipo de aeronaves e os seus compoñentes.
  • Avións e helicópteros históricos.
  • Aeromodelismo.
  • Sorteos gratuítos de voos de introdución.
  • Visita de todo tipo de aeronaves (avións, ULM, parapentes, helicópteros, etc).
  • Presentación do libro “Escala en España. Avións E Aviadores Belixerantes Da Commonwealth En España Durante A II Guerra Mundial” por Javier Aranduy Laiseca, campión de España de voo acrobático no campionato CEVA na categoría de avanzado en 2017 e en intermedio en 2016.