Skip to main content
Guitiriz

A subdelegada afirma que Guitiriz é un dos concellos máis seguros da provincia

Por 30 Xullo, 2022Xullo 31st, 2022Sin comentarios

Fixo estas declaracións durante a reunión da Xunta Local de Seguridade convocada con motivo da celebración do Festival de Pardiñas.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, presidiron onte a Xunta Local de Seguridade convocada para a organización do dispositivo que se encargará da seguridade con motivo da celebración do Festival de Pardiñas. Na xuntanza, celebrada na Casa do Concello, participaron responsables de seguridade do Concello, mandos da Garda Civil e o Subsector de Tráfico da Garda Civil, da Policía Local e da Policía Autonómica.

A Xunta Local de Seguridade analizou os horarios e lugares que poden resultar máis conflitivos pola posible aglomeración de persoas e vehículos, dado que, despois do paréntese imposto pola pandemia, agárdase unha gran afluencia de público ao tradicional Festival de Pardiñas, que este ano, na súa 34 edición, se celebrará do 5 ao 7 de agosto, organizado pola asociación cultural Xermolos.  Tamén se trataron as necesidades de reforzos que deben establecer os distintos corpos de seguridade e de emerxencia para previr incidencias con motivo da celebración deste evento.

SEGURIDADE EN GUITIRIZ

A Xunta Local de Seguridade analizou, ademais, a evolución da seguridade cidadá neste concello e a marcha dos plans operativos que desenvolve a Secretaría de Estado de Seguridade.

A subdelegada informou de que Guitiriz é un dos concellos máis seguros da provincia, segundo reflicten os datos de delincuencia rexistrados o ano pasado. Isabel Rodríguez explicou que as estatísticas da Garda Civil recollen que se pechou 2021 con unha taxa de criminalidade de 17,23 por mil habitantes, cando a media de España é de 41,4 por mil e a da provincia de Lugo de 24,6 por mil.

En total foron 94 as infraccións penais rexistradas o ano pasado neste concello, das que 63 foron delitos graves e menos graves e 31 leves. Esta cifra supón que a delincuencia mantívose o ano pasado por debaixo dos niveis de criminalidade previos á pandemia, pois ao comparar os datos cos de 2019 obsérvase un descenso no número de delitos do 3,09%, xa que nese ano houbera 97 infraccións penais.

Isabel Rodríguez tamén resaltou o excelente labor da Garda Civil, grazas ao cal aumentou en máis de 10 puntos a eficacia policial. En 2021 foi do 61,7%, xa  que logrou esclarecer 58 dos 94 delitos cometidos, mentres en 2019 a porcentaxe de delitos esclarecidos fora do 51,55%, ao resolver 50 dun total de 97.

A subdelegada destacou a necesidade de estar alerta no referido á evolución da violencia de xénero. Advertiu sobre este problema ao indicar que no que levamos deste ano xa son 5 as denuncias por este tipo de delitos e 2021 pechouse con 11 denuncias. Un ano antes, no 2020 houbera 4, se ben é certo, dixo, que as estatísticas dese ano considéranse pouco fiables debido ás restricións á mobilidade e a declaración do estado de alarma motivado pola pandemia do coronovirus.

PLANS OPERATIVOS DE SEGURIDADE

A subdelegada do Goberno tamén deu conta dos distintos plans operativos de Seguridade que desenvolve en Guitiriz a Garda Civil. Así, anunciou que está en marcha o Plan de Seguridade Ano Santo Xacobeo 2022. No caso de Guitiriz céntrase na protección dos peregrinos que se dirixen a Santiago a través do Camiño de Norte.

En canto ao Plan director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos informou de que no curso 2021/2022 impartíronse 3 charlas a alumnos do CEIP Santo Estevo de Parga e do IES Poeta Díaz Castro que trataron sobre os riscos na internet e novas tecnoloxías, acoso escolar e drogas e outras adicións.