Skip to main content
A Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón acolle o I Trail e Andaina Capela do San Vitoiro

Por 28 Agosto, 2022Agosto 29th, 2022Sin comentarios

Esta proba celebrarase o domingo 04 de setembro no concello de A Pobra do Brollón, a partir das 10.00 horas.

Os inscritos realizarán a saída e a chegada na área recreativa Samugueiros acadando o punto máis alto no Mirador pena do Santo xunto a Capela e haberá dúas modalidades: a de Trail (cun percorrido total de 20 quilómetros) e a de Andaina (cun total de 9 quilómetros).

Ás 10.00 horas terá lugar a proba da modalidade Trail e ás 10.15 horas a Andaina.

O Trail contará cun desnivel positivo de 750 metros aproximadamente, chegando a acumular 1500 metros totais, utilizando un 5% de pista asfaltada, 25% de cortalumes e un 70% de sendeiros, cruzando algún río e pasando pola Capela do San Vitoiro.

A modalidade de Andaina conta cunha distancia de 9 quilómetros cun 10% de pista asfaltada e un 90% de sendeiros, cun desnivel positivo de 200 metros aproximadamente. Esta andaina está considerada de dificultade media-baixa e non transcorre polo mesmo circuíto do Trail, nin chega a pasar pola capela, aínda que os corredores si poden chegar a cruzarse con algún da outra carreira.

Para a recollida de dorsais, habilitarase un espazo nunha carpa situada na mesma area Recreativa Samugueiros (lugar de saída e chegada de ambas carreiras) e será imprescindible a presentación do DNI para a súa retirada. Esta poderá realizarse dende as 8.00 horas do mesmo día e ata 15 minutos antes da saída en ambas modalidades.

A distribución dos avituallamentos será a seguinte: na carreira de Trail haberá dous puntos no quilómetro número 10 (subministrando líquido e sólido) e tamén na meta, mentres que na Andaina soamente estarán na meta.

O rematar a proba tódolos participantes que o desexen terán á súa disposición as duchas do pavillón Polideportivo que está xunto ao colexio ou do campo de fútbol Os Medos (na estrada LU-653 km4).

Con respecto aos premios na modalidade Trail, entregaranse trofeos conmemorativos os tres primeiros/as clasificados/as das seguintes categorías: Absoluto masculino e feminino (nados dende 1975 ata 2006 ambos incluídos), Veteranos masculino e feminino (nados antes do 1975) e Mellor atleta local masculino e feminino (comarca de Monforte de lemos).

A modalidade Andaina non ten carácter competitivo polo que non se realizará entrega de galardóns.

O prazo de inscricións xa está pechado pero pódese consultar a listaxe dos participantes da proba no seguinte enlace https://www.ins.cronotec.es/web-listado-de-inscritos/7100-dptk