Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXAGuitiriz

O Festival Mundial do Ilusionismo chega o mércores a Friol e Guitiriz

Por 29 Agosto, 2022Setembro 13th, 2022Sin comentarios

O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona percorre 17 concellos lucenses desde o pasado 3 de agosto ata o 3 de setembro, con outras tantas actuacións de recoñecidos magos e magas. Este chegará este mércores, 31 de agosto a Friol, coa actuación de Nacho Samena ás 18.00 horas horas na praza Andón Cebreiro, e a Guitiriz, ás 20.00 horas no campo da Feira.

Da man do Xacobeo 21-22, a Xunta de Galicia leva por toda a provincia distintos espectáculos de maxia de preto, extrema, maxia na rúa, solidaria e unha gran gala, coa presencia de sete dos mellores magos e magas a nivel mundial.

Os dous directores deste festival, os magos galegos Pedro Bugarín e Dani Polo, foron os encargados de deseñar un programa con máis de 220 actuacións en máis de cen concellos galegos.

A gran gala máxica internacional será un dos pratos fortes deste festival, que en Lugo terá lugar o 3 de setembro no auditorio Gustavo Freire e que contará coa presencia de sete dos mellores magos e magas do panorama internacional, encargados de traer ata Lugo actuacións de maxia de preto, escapismo, maxia de gran formato, telequinese, mentalismo, poesía máxica ou ilusionismo infantil.

A gran gala máxica será o único espectáculo deste festival para o que se precise entrada, aínda que o custo é reducido, cun prezo único de 12 euros, para as entradas que xa están á venda en www.galiciailusiona.es.

Ademais de na cidade de Lugo, Galicia Ilusiona levará a maxia ata outros 16 concellos nos que actuarán algúns dos mellores ilusionistas actuais como o Mago Teto, Nacho Samena, Patri Zenner e Roberto Lolo. Todos eles levarán a súa maxia ata Burela, Chantada, Cervo, Castro de Rei, Foz, Cospeito, Guitiriz, Friol, Monforte de Lemos, Sober, Outeiro de Rei, Monterroso, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.