Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXALugoMonforte

As Xornadas Pedagóxicas da Rede Museística desenvolveranse en tres dos centros

Por 23 Abril, 2024Sin comentarios

Serán o 29 e 30 de maio e o 5 e 6 de xuño no Museo Provincial de Lugo, o Pazo de Tor e o Museo-Fortaleza San Paio de Narla.

A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) da Vicepresidencia da Deputación abre o prazo de inscrición das XXII Xornadas Pedagóxicas que se celebran durante o 29 e 30 de maio e o 5 e 6 de xuño no Museo Provincial de Lugo, o Pazo de Tor e o Museo-Fortaleza San Paio de Narla. A formación, que leva como título Museos Situados: xestión, educación e territorio, dalle importancia ás actividades levadas a cabo nos centros escolares e museos, promovendo o traballo conxunto como ferramenta para a transformación social.

Nas actividades os puntais clave serán a escola e os museos, traballando xuntos como ferramentas de transformación social (ser e facerse, construíndonos unhas con outras). Resulta básica a asimilación de coñecementos para o desenvolvemento dun pensamento crítico e propio das crianzas. Estas xornadas promoven dende a Rede Museística Provincial unha educación pausada, reflexiva, facendo camiño a ritmo, inclusiva, igualitaria e sostible.

A deputada de Cultura Iria Castro destacou a importancia “deste programa pensado e traballado para profesionais de museos e investigadoras, así como para a comunidade educativa. Dende a Rede Museística queremos seguir impulsando estas actividades que dan a coñecer os recursos que ofrecen os museos para incorporalos á ensinanza. Igualmente, destacar a continuidade destas xornadas na aposta por seguir reforzando os vínculos entre os museos provinciais e a comunidade educativa”.

As persoas interesadas xa poden presentar a documentación a través da páxina web da Rede Museística. Dende a institución provincial resérvanse 20 prazas para mestres en activo que deben realizar a matricula a través do CFR; tamén se reservan 5 prazas para mestres en paro e outras 5 para profesionais vencellados á educación de museos, os cales recibirán un certificado de asistencia da RMPL, que deberán inscribirse no formulario que se atopa na web: https://comunidadermpl.gal/

CONSULTA O PROGRAMA NESTE ENLACE