Skip to main content
A PastorizaAntas de UllaBurelaPedrafitaSoberXermade

A Deputación inviste na mellora da seis estradas provinciais

Por 20 Agosto, 2022Sin comentarios

García Porto anunciou que a Xunta de Goberno adxudicou estes venres uns traballos que beneficiarán aos concellos de Xermade, Pedrafita do Cebreiro, Burela, Antas de Ulla, A Pastoriza e Sober.

A Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento por preto de 1,3M€ para a mellora da rede de estradas provincial. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión da Xunta de Goberno, na que se acordou adxudicar obras en seis vías que discorren polas comarcas de Lugo, a Terra Chá, A Montaña, A Mariña, A Ulloa e a Ribeira Sacra.

García Porto lembrou que a rede viaria provincial da Deputación de Lugo “é a de maior extensión de toda España e para o seu acondicionamento e mellora destinamos moitos recursos económicos”, recordando que “nos Orzamentos deste ano 2022 están consignados máis de 17M€  para estas vías, o que representa preto do 20% do presuposto total da institución”.

Por concellos, a voceira socialista explicou que en Xermade a Deputación adxudicou por case 300.000€ os traballos de mellora do último tramo que falta por acondicionar da estrada de Momán ás Pontes, a LU-P-2204. Trátase do treito que vai do punto quilométrico 8,340 ao 9,802. A empresa Francisco Gómez y Cía SL foi a adxudicataria e ten un prazo de execución de 7 meses.

“O Presidente da Deputación comprometeuse a rematar esta estrada neste mandato e, con este paso que damos hoxe, cumpre a súa palabra: Os 9 quilómetros da vía de Momán ás Pontes estarán renovados no ano 2023”, recalcou. A institución provincial investiu máis 1,3M€ nesta vía que vertebra o concello de Xermade e esa zona da provincia con As Pontes e con Santiago de Compostela.

En Pedrafita do Cebreiro deuse luz verde á adxudicación da mellora do tramo que restaba para completar o acondicionamento da LU-P-1301, que conecta este municipio da Montaña con Seoane do Courel. Estes traballos, que levará a cabo a empresa Vazper 3SL, teñen un investimento de 275.000€ e un prazo de 5 meses de execución. “Con esta actuación, cumprimos tamén o compromiso manifestado polo Presidente da Deputación de ter completamente renovada neste mandato esta estrada tan importante, á que en total destinamos máis dun millón de euros”, explicou García Porto.

A Deputación de Lugo tamén mellorará a estrada da Marosa, a LU-P-1510, que conecta San Cibrao con Burela no seu tramo inicial, dende o comezo da vía ata o punto quilométrico 9,301, cun orzamento de 123.420€. A empresa Carferlo SLU realizará a obra que ten un prazo de execución de 3 meses.

En Antas de Ulla sacouse adiante a adxudicación á empresa Francisco Gómez y Cía SL do contrato para acometer as obras da LU-P-4002, de Palas de Rei a Antas por Ponte Mercé. A esta actuación, que afecta ao tramo comprendido entre o punto quilométrico 10,470 e 11,614, destínanse máis de 100.000€ e conta cun prazo de execución de 3 meses e 2 semanas.

Na Pastoriza, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación da mellora da LU-P-4401 no seu tramo inicial ao seu paso polo centro urbano do municipio, coñecido como Avenida Principal. A Deputación destina 350.000€ para dotar de novas beirarrúas ás marxes da vía, rehabilitar o firme, instalar nova sinalización mediante marcas reflexivas brancas e mellorar a iluminación.

García Porto explicou que “con este  proxecto completaremos as obras de mellora que xa se están acometendo cun investimento de máis de 300.000€ para rexenerar -por tramos- o firme de preto de 11 quilómetros desta vía e a pintura da totalidade da estrada”.

Finalmente, no concello de Sober quedou adxudicado o acondicionamento dun novo treito da LU-P-5903, que conecta o núcleo soberino e Doade, comprendido entre os puntos quilométricos 12,845 e 15,350.  Estes traballos contan cun orzamento de máis de 133.000€ e un prazo de execución de 3 meses.

“Esta actuación, na que se van hormigonar as cunetas á altura do núcleo de Vilachá, completa as obras que adxudicamos ao longo deste mandato nesta estrada cun investimento total duns 200.000€”, recordou a voceira, e anunciou que nos vindeiros días está previsto que comecen traballos de acondicionamento nesta estrada, neste caso entre os quilómetros 13,740 e 14,480.