Skip to main content

Entre outros materiais, a mostra inclúe a Proposta de Consello de Galiza, documento manuscrito de Castelao datado arredor de 1943.

O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021 é o título da exposición que se inaugurará mañá xoves en Lugo para repasar os feitos máis salientables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade.

A mostra permaneceu aberta ao público na sede do Lexislativo autonómico entre o 15 de decembro e o 15 de marzo, iniciando despois un percorrido polas cidades galegas. Foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O comisario contou coa colaboración de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); mentres que o deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

Materiais

A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.

Entre outros documentos, na exposición é posible contemplar a Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou o mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.

A mostra tamén incorpora obras como O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.

En Lugo estará aberta entre o 8 de setembro e o 8 de outubro na sede Afundación (Praza Maior, 16), onde poderá visitarse de luns a sábado, de 17,30 a 20,30 h. A inauguración está prevista para mañá xoves, 8 de outubro, ás 19,30h.