Skip to main content
A PontenovaComarca AMARIÑAXARibadeoTrabada

Medio millón de euros para a recuperación ambiental do río Eo

Por 1 Setembro, 2022Sin comentarios

O Goberno galego vén de destinar case 0,5 millóns de euros a un proxecto de recuperación do río Eo a seu paso polos municipios de A Pontenova, Trabada e Ribadeo. A intervención executarase ao longo de 25,9 km de río divididos en 3 treitos co obxectivo de mellorar o estado de conservación dunhas 84 hectáreas deste corredor ecolóxico, que separa de forma natural Galicia e Asturias.

Durante unha visita a unha das zonas obxecto da actuación, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tivo ocasión de comprobar sobre o terreo os resultados dos primeiros traballos acometidos desde que o pasado mes de maio se iniciaran oficialmente as obras.

En concreto, Ángeles Vázquez explicou que no marco do proxecto se prevén realizar tarefas de control e erradicación de especies exóticas invasoras —Crocosimia x crocosmiflora, Helichrysum petiolare, Acacia melanoxylon e Acacia dealbata— cunha atención especial ás presentes no tramo baixo entre A Pontenova e Ribadeo, así como traballos de retirada de árbores mortas na canle e nas ribeiras fluviais, poñendo o foco nos amieiros afectados por fungos. 

Ademais, nas zonas anteriormente descritas, tamén se procederá a reforzar as poboacións de especies autóctonas de hábitats de interese comunitario, como poden ser os bidueiros, freixos, salgueiros, espiños brancos ou carballos.

En canto á fauna ictícola, instalarase un contador de paso como medida de apoio para o seguimento das especies migradoras presentes no río —anguía, lamprea, reo e salmón—. Grazas a este dispositivo poderase contar o número de individuos, medir o seu tamaño, almacenar imaxes e tomar a temperatura da auga, unha información valiosa para avanzar no coñecemento que se ten sobre o comportamento migrador destes peixes.

Por último, o proxecto inclúe traballos para a restauración ecolóxica de sendas, adecuando viarios e camiños existentes entre Ribadeo e a desembocadura do río Trabada ao longo de 10,4 km, empregando en parte a antiga ruta do tren mineiro entre Ribadeo e Vilaodrid, e instalando dous observatorios e tres pousadoiros para aves.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, a conselleira explicou que esta iniciativa é unha das máis importantes que executará o seu departamento grazas aos fondos do programa NextGenerationUE reservados á conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade: 26 millóns de euros de aquí ao ano 2026. A finalización dos traballos está prevista para o ano que vén.

INICIATIVA COMPLEMENTARIA

Tras sinalar que todas as intervencións previstas se centrarán nas marxes galegas do río, Ángeles Vázquez indicou que, en todo caso, a zona tamén se verá beneficiada polos resultados doutro proxecto similar que está a desenvolver o Principado de Asturias na súa parte do corredor, cun investimento estimado tamén en 0,5 millóns de euros.

Ademais, indicou que esta iniciativa de recuperación ecolóxica do río Eo tamén dá continuidade ao programa LIFE fluvial, xa finalizado e no que participaron diferentes entidades galegas e asturianas co fin de acadar unha xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica, sendo o Eo un dos espazos nos que se actuou.

“Galicia é unha auténtica xoia natural e por iso temos que ir facendo actuacións como esta porque, ademais, había que darlle continuidade a ese LIFE fluvial agora que tiñamos a oportunidade de ter estes fondos europeos”, declarou.

Neste sentido, a conselleira subliñou a importancia da intervención que se está a acometer desde hai uns meses nesta zona, que forma parte da Reserva de biosfera Río Eo, Oscos e Terras do Burón, a cabalo entre Galicia e Asturias, e conta con numerosos espazos incluídos en Rede Natura 2000.