Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O PP afirma que non aprobará os orzamentos da Deputación se non inclúen o IPC

Por 20 Setembro, 2022Sin comentarios

Os populares reafirman a súa vontade de colaborar para o orzamento da Deputación para 2023, se reúne as condicións para conseguir “unha provincia próspera, con oportunidades para os nosos concellos”. O goberno de Tomé contesta que “Se o PP fose en serio, presentaría un proxecto de orzamento propio ou propostas concretas, algo que nunca fixo”.

O PP avisa a Tomé de que non apoiará un orzamento que non tome en consideración o IPC, porque non quere que Lugo sexa a provincia de “Lo que el viento se llevó”.

“Ao presidente da Deputación, o socialista José Tomé, gústalle a película Lo que el viento se llevó, sen dúbida unha das xoias do cine. O malo é que a xestión de Tomé á fronte da Deputación está a conseguir que Lugo sexa unha provincia á que se pode aplicar o título de tal peza cinematográfica”. O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, di que no grupo provincial popular néganse “a pensar que a provincia de Lugo é a provincia de Lo que el viento se llevó do presidente da Deputación, o socialista José Tomé”. Engade: “Non queremos que se nos vaian as industrias a causa da política enerxética do Estado, non queremos que as estradas estean no estado que están a día de hoxe;  queremos ter unha autovía na Mariña, unha na zona sur da provincia e que melloren os prazos da autovía Lugo-Santiago”.

Castiñeira di: “Na provincia de Lo que el viento se llevó do señor Tomé as entradas provinciais son unha dificultade para todas as persoas que viven no rural. O señor Tomé non quere recoñecer que fracasou a súa política de estradas; non queremos unha provincia que se identifique co título Lo que el viento se llevó por causa da conxelación do plan Único, debido a que todos eses concellos pequenos que esperaban máis cooperación en época de crise o único que viron foi a conxelación do importe do Plan Único”.

Os populares queren unha provincia moderna, cun goberno moderno que teña en conta a situación real. E para iso, “o primeiro é combater a inflación que está prexudicando ás nosas familias, aos nosos veciños,  que teñen dificultades coa cesta da compra”. No PP din que os empresarios “non viron axuda da Deputación de Lugo fronte aos elevados custos de produción e a conseguinte caída da competitividade, que leva algúns a pensar incluso en perder postos de  traballo”.

Castiñeira avisa: “No PP ofrecémonos de novo para traballar  de forma conxunta. Pero que non conten con nós para que Lugo sexa a provincia de Lo que el Viento se llevó. Queremos unha provincia próspera, con oportunidades para os nosos concellos, con capacidade para dar mellores e máis servizos porque a Deputación lles axuda e non fai política discrecional segundo a cor política”. Engade: “Queremos unha provincia con infraestruturas adecuadas e non cheas de fochancas; o PP ofrécese para traballar nos orzamentos, pero non para que voen as ilusións dos nosos cidadáns como no título desa película que tanto lle gusta ao señor Tomé”.

CONTESTACIÓN DO GOBERNO DE TOMÉ

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informa de que o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, vén de remitir un escrito ao voceiro do Grupo Provincial do PP en resposta á súa solicitude de convocar e celebrar unha Xunta de Voceiros ou unha reunión da Comisión Informativa de Economía, Recadación e Especial de Contas sobre os Orzamentos provinciais do ano 2023. Un escrito no que o mandatario provincial lle agradece a súa oferta de participación na elaboración dos presupostos, aínda que, sinala, “o realmente interesante sería que presentase un proxecto de orzamentos como documento de traballo para poder debater e contrapoñelo ao proxecto de orzamento que elabora o equipo de Goberno, dado que, sen ter propostas concretas, é imposible traballar e debater con rigor as diferentes propostas de orzamento”.

Neste sentido, a portavoz socialista incidiu en que, se o Partido Popular nesta provincia “fose serio e fose en serio, presentarían un proxecto de presuposto propio ou, polo menos, propostas concretas, algo que ata o de agora neste mandato nunca fixo”. “Reclamar máis cartos para todo non é facer un presuposto, é facer unha carta ós Reis Magos”, aseverou.

“O que me queda claro con todo isto é que o voceiro do Partido Popular está buscando a foto, busca o protagonismo, pero a verdade é que de traballo pola provincia, cero”, recalcou Pilar García Porto, quen remarcou que, como ben lle lembra o Presidente na súa misiva, o PP ten ao seu alcance as ferramentas necesarias para colaborar na elaboración dos orzamentos. “El sábeo ben porque foi Alcalde e agora é portavoz na oposición no seu concello e na Deputación, no Pleno de aprobación do orzamento, que vén precedida por unha Comisión Informativa de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, debátese sobre o mesmo, podendo facer emendas e chegar a transaccións, ou presentar un orzamento alternativo, algo que, reitero, polo de agora nunca fixo o PP”.

Polo tanto, asegurou a Deputada, o voceiro do PP “debería traballar e intentar facer algo produtivo pola provincia, máis aló dos posados, que o único que perseguen é buscar un ocos nos medios de comunicación, pero dende logo iso non renta en positivo para os veciños e veciñas da provincia de Lugo”.