Skip to main content
Comarca LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Entregan distincións a 13 traballadores dos centros penitenciarios da provincia

Por 24 Setembro, 2022Sin comentarios

Isabel Rodríguez recoñece o compromiso e profesionalidade do persoal dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu o acto de conmemoración na provincia do Día da Merced, festividade das institucións penitenciarias, no que se entregaron distincións a 13 traballadores dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso. A celebración tivo lugar na Casa Grande de Nadela e a ela asistiron os directores dos Centros de Bonxe, José Manuel Pernás, e o de Monterroso, Félix Rodríguez.

No acto, que contou coa participación da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, da alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas, e do alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, entre outras autoridades, a subdelegada do Goberno agradeceu o traballo dos traballadores e traballadoras dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso, así como do servizo de xestión de penas “polo voso compromiso na construción dunha España máis xusta e social”. Así, puxo en valor o esforzo de todo o persoal para seguir avanzando na tarefa de reinserción dos internos e das internas, obxectivo do traballo penitenciario, tal e como recolle a Constitución.

“O sistema penitenciario español é unha referencia debido aos numerosos proxectos e actividades que se desenvolven dentro e fora dos centros. E serve de estímulo para seguir traballando na educación, formación e reinserción das persoas internas e a súa plena inclusión na sociedade”, destacou a subdelegada.

Isabel Rodríguez tamén agradeceu a xenerosidade de todos os profesionais, asociacións, ONGs e colectivos da provincia que colaboran con Institucións Penitenciarías. “Para nós é imprescindible a vosa axuda no traballo de reeducación da poboación penitenciaria, que é o medio para chegar ao obxectivo que nos guía: acadar a integración na sociedade das máis de 400 persoas que hoxe están internas nos centros de Bonxe e Monterroso”, explicou a subdelegada.

Ademais de felicitar aos 23 traballadores aos que este ano concedeu mencións Institucións Penitenciarias, Rodríguez aproveitou a celebración do Día da Merced para facer extensivo o recoñecemento do Goberno ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e ao mundo da xustiza, “polo seu labor fundamental nesta cadea social que pretende as maiores cotas de reinserción e seguridade na nosa comunidade”.

MÉRITO PENITENCIARIO

Durante o acto fíxose entrega das condecoracións a persoal dos centros de Bonxe e Monterroso, aprobados pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias. En concreto, impuxéronse 13 das 24 condecoracións concedidas polo Goberno.

Este ano foron condecorados coa Medalla de prata o xefe dos servizos médicos de Bonxe, Mario Luis Martínez, e o subdirector de xestión do centro de Bonxe, Camilo Alfonso; e coa Medalla de bronce ao coordinador do servizo interior de Monterroso, José Manuel Busto. Ademais, Alume recibiu a Medalla de prata ao mérito social pola súa colaboración na implementación de actividades e acompañamento do centro penitenciario de Monterroso.

Asimesmo, outorgáronse mencións honoríficas polo seu traballo durante os últimos meses á xefa de oficina, ao especialista de oficinas, á traballadora social e a un funcionario de vixilancia do Centro de Bonxe, e a un funcionario de área mixta e un de vixilancia do Centro de Monterroso. Tamén concedéronse 13 mencións honoríficas por 25 anos de servizo a traballadores e traballadores dos dous centros penitenciarios da provincia. Para rematar a celebración entregáronse 9 emblemas conmemorativos a persoas e entidades da provincia pola súa colaboración cos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso.