Skip to main content
Lugo

Paula Prado e Elena Candia percorreron o centro histórico da cidade de Lugo

Por 2 Setembro, 2022Sin comentarios

A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, reivindicou a súa formación como “o partido da xente” fronte a un Goberno central que vai “a rebufo” das políticas do PP. “Somos o partido que máis se parece a Galicia porque escoitamos as demandas dos galegos e aportamos solucións”, engadiu

Nunha visita ao centro histórico de Lugo acompañada pola candidata á Alcaldía e presidenta provincial, Elena Candia, Prado insistiu en que a súa formación atende ás demandas dos cidadáns para logo trasladalas ao ámbito do Goberno. Mostra disto é o traballo realizado pola Xunta de Galicia, que está ao carón das familias neste complicado momento económico.

Así, a número dous dos populares galegos puxo en valor medidas como o Bono social eléctrico, iniciativas destinadas ás pequenas e medianas empresas, os 17 millóns de euros para o sector cárnico ou axudas para o inicio do curso escolar.

Pola contra, lamentou que o único que teña que aportar o Goberno central sexa copiar as medidas do PP, poñendo como exemplo o acontecido esta semana co anuncio por parte do Estado da baixada do IVE do gas, unha proposta que os populares xa puxeron enriba da mesa hai seis meses mentres os ministros de Pedro Sánchez cualificábana como “unha ocorrencia que non era unha prioridade”.

“Lugo necesita un cambio”, manifestou a secretaria xeral durante a súa visita, explicando que a cidade leva anos soportando unha situación de “absoluta parálise institucional” no Concello, cun Executivo municipal “inmerso en batallas continuas” entre o bipartito formado polo PSOE e o BNG.

Ante este contexto, incidiu en que a urbe precisa as “políticas innovadoras e a estabilidade” que só pode ofrecer o PP, con Elena Candia á fronte. Neste sentido, Prado resaltou o paso dado pola candidata, salientando o seu compromiso e traballo “ao servizo do proxecto do partido e a disposición, con toda a humildade e ilusión, da cidade de Lugo”.

Pola súa parte, Candia tamén criticou ao mal funcionamento da Administración municipal, mencionando que, nos últimos días, a Xunta de Goberno só aprobou dúas licenzas. “É un dato absolutamente insuficiente, xa que nos consta que hai un volume de peticións de licenzas de tres díxitos gardados nun caixón sen tramitar”, sinalou recordando tamén a ineficacia do Concello para atallar as fugas de auga, “algo que nestes momentos é de absoluta prioridade”.

Fronte a todo isto, a candidata subliñou que o traballo dos populares debe ser “construtivo e en positivo”, remarcando tamén a importancia “da proximidade e da entrega para obter o apoio da xente”. Igualmente, avanzou que a folla de ruta que guiará aos populares de Lugo nos vindeiros meses estará construída dende “a unidade, a ilusión e as ganas” para converter á urbe no motor da provincia.

Paula Prado e Elena Candia tamén participaron na reunión semanal celebrada polos populares de Lugo, que tivo lugar no Hotel Méndez Núñez. Nesta xuntanza, o voceiro do Grupo Municipal do PP, Ramón Carballo, brindou o apoio de todo o partido á candidata á Alcaldía, destacando que “se manterá a coordinación fluída e constante coa alcaldable”.

Elena Candia apuntou que “é imprescindible a unidade e a implicación de todos” e eloxiou “o traballo constante e de política útil desenvolto pola agrupación local”. “Son unha persoa municipalista e coñezo de primeira man os sacrificios que conleva a política local, por iso quero agradecer a todos o traballo que estades a realizar”, sentenciou.