Skip to main content
Lugo

Aberto o prazo para participar no concurso de TikTok para sensibilizar sobre a trata de mulleres

Por 5 Setembro, 2022Setembro 6th, 2022Sin comentarios

A Concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, vén de anunciar a apertura do prazo para participar no concurso en TikTok para sensibilizar sobre a trata de mulleres con fins de explotación sexual. Este certame, posto en marcha polo Goberno de Lara Méndez, ten como obxectivo potenciar a reflexión e a concienciación sobre a igualdade e contra a explotación sexual e tráfico de mulleres a través da actividade creativa. Para isto, elixiuse a rede social TikTok, pola facilidade de creación dos vídeos que proporciona e por ser unha das redes sociais favoritas da mocidade.

O certame conta con dous premios: un primeiro premio dotado con 200 euros e un segundo con 100 euros. A participación, que é gratuíta e online, estará aberta ata o 23 de setembro de 2022, coincidindo co Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, e as persoas gañadoras daranse a coñecer o 30 de setembro de 2022 tras o fallo do xurado, que estará formado por representantes do Concello de Lugo, a Casa da Muller de Lugo e personalidades do sector audiovisual, entre outros.

Silvia Alonso explicou que os vídeos que se presenten ao concurso deben abordar calquera tema que concirna á loita pola igualdade e faga visible a explotación sexual e o tráfico de mulleres (proxenetismo, vulnerabilidade da muller prostituída, normalización aberrante do consumo da prostitución, etc.). Para formar parte do certame só hai que subir un vídeo á rede TikTok, co cancelo do concurso (#Lugoporlaigualdad) e cubrir o seguinte formulario de inscrición: https://cutt.ly/xXhecdm, onde tamén se poden consultar as bases.

A duración máxima das obras será dun minuto e pódense empregar todas as posibilidades creativas que proporciona a propia rede social, sendo imprescindible que a conta sexa pública.

Poderán participar todas aquelas persoas que residan, traballen, estudien ou naceran en Lugo maiores de 14 anos e non serán admitidas obras con linguaxe xenófoba, machista, homófona, racista, violenta ou de incitación ao odio.

“Queremos que a cidadanía nos ofreza a súa versión da trata, que é tamén violencia de xénero”, explicou a Concelleira, quen animou a participar nesta iniciativa, coa que se pon o foco na trata de persoas, que segundo un informe do 2020 elaborado pola UNODC (Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Delito), o 65% das vítimas detectadas son mulleres (46%) e nenas (19%)..