Skip to main content
Lugo

Inauguran na Piringalla o centro social Paco Martín

Por 16 Setembro, 2022Sin comentarios

Pequenos, maiores e xóvenes participaron moi activamente nas primeiras actividades que se desenvolveron no novo centro social da Piringalla, o primeiro da cidade que se centra en incentivar a convivencia interxeracional e que leva o nome do lucense Paco Martín, un dos escritores en lingua galega máis recoñecidos.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, puxo a disposición da veciñanza do barrio este inmoble acompañada do propio Paco Martín, ao que lle quixo homenaxear coa inscrición na placa instalada no acceso ao centro dunha frase do seu libro Das obras de Ramón Lamote, a primeira obra en galego que acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.  “Queremos Paco que sexa a túa traxectoria e o teu legado o que lle dea a benvida aos usuarios cada vez que entren neste novo centro”, sostivo.

A rexedora destacou, así mesmo, que coa apertura do edificio “damos resposta a unha débeda que tiñamos coa Piringalla desde hai máis dunha década xa que este obra, que comezou a construírse no 2010, sufriu un parón tras estar inmersa nun proceso xudicial, que foi resolto finalmente en favor do Concello, e que logo necesitou dun reformado, dunha adaptación ás novas necesidades do barrio e da súa adecuación ao PXOM”, lembrou. “Pero hoxe, este novo equipamento é xa da cidadanía”, afirmou.

Tras a apertura das instalacións, a rexedora, acompañada da edil de Benestar Social, Olga López, e do público asistente, percorreu os distintos andares, “onde creamos espazos diáfanos, alegres, confortables e polivalentes para incentivar ás relacións entre os maiores, os cativos e a mocidade nunha sociedade cada vez más individualista”, destacou, e engadiu que o noso obxectivo é crear contornas para que as persoas socialicen e manteñan encontros sen importar a súa idade, xa que todos temos valores e historias que compartir”. De feito, nesta xornada de apertura os máis cativos poideron escoitar os contos que lles trasladou Manuel Buján ou aprender sobre cestería e os labores de cardado de lá coa asociación Corazón Artesáns. Así mesmo, estiveron membros da Xaquedrum de todas as idades xogando ao xadrez, organizáronse obradoiros e o DJ. Manu Chady animou a tarde e a merenda saudable.

Entre as áreas que se crearon destaca unha bebeteca e unha zona de lactación, a primeira que se crea nun edificio público municipal. Ademais, existe unha sala de lectura e espazos multifunción para descansar, xogar e compartir experiencias.