Skip to main content
Monforte

Monforte celebra xornadas formativas universitarias para maiores de 50

Por 6 Setembro, 2022Setembro 7th, 2022Sin comentarios

Os seminarios Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento, encadrados dentro do programa de formación universitaria dirixido a maiores de 50 anos, dan comezo no concello de Monforte.

A  tenente de alcalde, Gloria Prada, inaugurou no Centro Cívico de Monforte estas xornadas de formación froito do acordo que a entidade monfortina establece coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

No acto estivo acompañada pola directora do Programa Universitario de Maiores, Mª Esther Olveira Olveira.

O programa de formación universitaria, que por terceira vez se celebra en Monforte con estas características, está composto por diversos seminarios formativos, totalmente gratuítos. Neste senso, cabe destacar o éxito no número de inscricións, que se cifra en 29 persoas, 14 máis que na edición anterior. Nestas xornadas, púidose inscribir calquera persoa maior de 50 anos, de xeito totalmente gratuíto, e non era necesario posuír ningunha formación previa específica.

A concelleira destaca na súa intervención que “para o Equipo de Goberno do concello e para Monforte é moi importante que se celebren este tipo de xornadas na nosa cidade, dirixidas á nosa poboación maior de 50 anos, que moitas veces non ten nin os recursos nin a oportunidade de acceder a este tipo de coñecementos”.

Neste senso, conclúe Prada “con este programa garantimos o dereito de todos os cidadáns ó acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos, é dicir, contribuímos á democratización do coñecemento entre os nosos cidadáns”.

PROGRAMA

O programa de seminarios e activades prácticas desenvolverase no Centro Cívico de Monforte (Paseo do Malecón) entre o 5 e o 13 de setembro. Dito programa contará coas seguintes actividades teóricas e prácticas:

– Seminario: Dando luz ao románico… Escoitando o falar das imaxes petrificadas. Terá lugar hoxe de 17.30 a 19.00 horas. Impartido por Carolina Casal Chico, doutora en Arte Medieval pola USC. Profesora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC.

– Visita a Santo Estevo de Ribas de Miño e San Paio de Diomondi (Saviñao). Desenvolverase maña en horario de 17.30 a 19.00 horas. Dirixida por Carolina Casal Chico, doutora en Arte Medieval.

– Sesión práctica: A herdanza en Galicia. O venres de 17.30 horas a 19.00. Impartida por Xaime Requeixo Souto, Doutor en Dereito Civil.

– Seminario: Alimentación saudable para toda a familia. Terá lugar o luns día 12 de 17.30 a 19.00 horas. Impartido por Sara López Mateo, Graduada en Nutrición Humana e Dietética. Profesora do Programa Universitario para Maiores, IV Ciclo da USC.

– E por último a sesión práctica: Deseño dun menú saudable. O martes día  13 de 17.30 a 19.00 horas. Impartida por Sara López Mateo, Graduada en Nutrición Humana e Dietética.