Skip to main content
A Pobra do Brollón

Da comezo unha nova campaña de escavacións no xacemento de Penas do Castelo

Por 6 Setembro, 2022Setembro 7th, 2022Sin comentarios

Unha nova campaña na busca de achados iníciase no xacemento de Penas do Castelo, unha zona arqueolóxica situada no concello da Pobra do Brollón incluída no ámbito da Ribeira Sacra.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comproba a marcha da actuación que dá continuidade aos traballos financiados o pasado ano pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que sacaron á luz unha muralla de seis metros de ancho e catro de alto e permitiron datar a ocupación deste espazo na Idade de Ferro. Na visita tamén estivo o alcalde da Pobra do Brollón, José Luis Maceda; o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Teddy López, e representantes da Asociación Veciñal, entre outras persoas.

Así, tras o achado do pasado ano, o Goberno galego volve colaborar co Concello da Pobra do Brollón, a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes de Salcedo para ampliar o coñecemento sobre este espazo coa realización de tres sondaxes manuais nunha superficie aproximada de 55 metros cadrados. A continuación procederase á toma de mostras e a diagnose e consolidación das estruturas que se localicen para garantir a súa conservación.

O proxecto complétase co deseño dun cartel interpretativo para facilitar a visita ao xacemento e a realización dun vídeo con tomas xerais e de detalle que permita divulgar, tamén entre a comunidade local, os resultados dos traballos realizados.

EXPLOTACIÓN MINERAL

Deste xeito, o obxectivo dos traballos que veñen de comezar é analizar a funcionalidade dun xacemento situado nun entorno moi complicado, encaixado nunha pendente e que probablemente estea vencellado á explotación de mineral, tanto pola riqueza do entorno como polo feito de que o pouco material que ten aparecido son escouras resultantes de traballos de redución do mineral.

O xacemento arqueolóxico de Penas do Castelo sitúase na parroquia de Salcedo, pertencente ao concello lucense da Pobra do Brollón, nun lugar estratéxico entre a Ribeira Sacra e a Serra do Courel pendurado sobre o curso do río Lor e a moi poucos quilómetros da súa desembocadura no río Sil en Augas Mestas.

A nivel de protección, este xacemento atópase no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra e dentro da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Ademais, aparece recollido no inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta de Galicia e incluído no circuíto de visitas guiadas ofertadas polo Concello da Pobra do Brollón.