Skip to main content
A Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón acolle dúas citas culturais esta fin de semana

Por 16 Setembro, 2022Sin comentarios

Hoxe venres e o domingo 18 de setembro A Pobra do Brollón acolle dúas citas culturais. O venres chega á súa fin o ciclo municipal de concertos de verán Cos Pés na Terraza co músico de blues Néstor Pardo. E o domingo, volve o Ciclo Mestre Mateo coa proxección da película Cuñados. Ambos eventos de entrada libre e gratuíta.

O venres é a quenda do blues. Néstor Pardo é un músico afincado na Coruña que con só dezanove anos liderou The Loveless Cousins e máis tarde chegou a The Allnight Workers. Agora co seu espectáculo Pardo, proxecto que lle permitiu gravar dous discos en inglés e un álbum en castelán aterra na Pobra do Brollón.

Co seu último traballo de estudo e coa inestimable axuda na produción de Mario Cobo, Néstor Pardo fíxose un oco importante dentro do difícil circuíto de blues. Lonxe de ser un intérprete impersoal, en cada un dos cortes de I Got to Keep Moving hai unha achega íntima e orixinal.

Pardo dará un concerto hoxe venres 16 ás 20.30 horas na Cantina de Julia de Salcedo. Despois do concerto a música seguirá con sesión DJ.

A cita pecha Cos Pés na Terraza, ciclo de concertos de verán nas terrazas dos bares guímaros, organizado polo concello da Pobra do Brollón.

O domingo día 18 tocará sesión de cine a partir das 20.00 horas coa proxección na Casa da Cultura do filme Cuñados. Finalista a Mellor Longametraxe na última edición dos Premios Mestre Mateo.

Esta comedia criminal está protagonizada por actores de renome como Xosé Antonio Touriñán e Miguel de Lira. A proxección enmárcase no Ciclo Mestre Mateo que impulsa a Academia Galega do Audiovisual.

A película conta a historia de Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) que acaban de meter a pata nun dos seus negocios e precisan moito diñeiro. Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Sen embargo, é o propio Modesto quen urde un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a bodega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar pero, como diría Sabonis, malo será.