Skip to main content
Paradela

Un dos maiores atractivos de Paradela: A ruta do Loio

Por 17 Setembro, 2022Setembro 19th, 2022Sin comentarios

A ruta do Loio, PR-G-14, segue o curso do río Loio dende Paradela ata que desemboca no Miño á altura do núcleo de Loio. Trátase dun belísimo camiño fluvial polos bosques que percorre cascadas, muíños, pontes, carballeiras e capelas.

O roteiro iníciase no centro urbano da localidade de Paradela (ao carón das piscinas municipais), e pasa por terras do Camiño de Santiago francés antes de chegar a Portomarín (e rematar na parroquia de San Xoán de Loio). É unha ruta lineal, maioritariamente de baixada aínda que se pode empezar en Loio e terminar na localidade de Paradela, en cuxo caso realizaríase en subida.

Ten unha lonxitude aproximada duns 7 quilómetros malia que sumando as derivacións de ida e volta o percorrido chega a acadar os 9. Conta con 240 metros de desnivel de subida e 480 metros de baixada lineal, é de dificultade técnica baixa xa que os camiños atópanse en bo estado e camíñase ben.

A ruta PR-G-14 está sinalizada segundo a normativa de homologación da Federación Galega de Montañismo, aínda que algunhas marcas están borradas en determinados puntos, polo que se recomenda levar un plano ou un gps para orientarse mellor. Pódese facer a pé pero non en bicicleta nin a cabalo, e ten unha duración aproximada de tres horas.

Os accesos dispoñibles son pola estrada M-633 de Portomarín a Sarria, xunto á ponte sobre o río Loio e na capital de Paradela, al lado das piscinas municipais. E durante o percorrido visítanse as zonas de Paradela, A Retorta, Porto Caneiro, Loio e a ponte na confluencia do río Loio co embalse de Belesar.

Neste caso comezarase a andaina no centro de Paradela, baixando unhas escaleiras preto ás piscinas municipais que dan acceso á senda fluvial onde aparece o primeiro muíño, aínda que tamén se pode iniciar a ruta dende outros dous puntos: o parque que está detrás do Centro de Saúde e dende Rodillón.

A poucos metros das piscinas, atópase un pequeno muíño restaurado, o Muíño do Cabo e a ponte do Muíño que cruza o río. Continuando o roteiro, escóitase o ruxir das augas da fervenza que se pode admirar dende A Ponte da Fervenza.

O entorno paisaxístico é inigualable: árbores centenarios, cores verdes e augas cristalinas, natureza en estado puro.

Cando xa se leva quilómetro e medio percorrido, aparece un cruce onde se unen os tres camiños: o que se leva feito, o da entrada polo centro de saúde de Paradela e o da entrada por Rodillón.

Máis adiante, a uns metros, pódese descansar para beber algo de auga fresca na fonte situada a uns 150 metros do paseo a man esquerda. Continuando a viaxe, pásase a poucos metros do Muíño de Pías (150 metros pola dereita baixando ata o río). De volta na senda, toca cruzar a Ponte da Retorta, sobre o río Loio.

O camiño continúa entre salgueiros e carballos, ademais dos emblemáticos e ameazados acivros, ata chegar ao quilómetro 1,9 onde se observa un impoñente Carballo Milenario, ao pé da ruta.

Segue o descenso cara o río para chegar ao Muíño da Retorta, cruzando a Ponte do Muíño da Retorta. Este é o máis grande dos muíños que hai na ruta, con catro pedras de moer e garda unha nova sorpresa: unha fervenza.

Percorridos xa 2,5 quilómetros da ruta entre pastos e fincas antigas, chégase á encrucillada que levaría a Suar. Débese continuar pola senda da dereita, por un fermoso camiño cheo de encanto, cruzando fermosos bosques de castiros ata acceder á Ponte de Portocaneiro. A 200 metros á esquerda da ruta podemos visitar o Muíño de Sucastro, xa con 4.100 metros percorridos e máis de medio camiño feito.

De  volta ao roteiro, queda atrás o Loio ata chegar á Capela de San Berto, en Portocaneiro. Pasada esta, accédese a un fermoso corgo mediante escaleiras instaladas na parede que levan a un novo camiño con vistas ao máis profundo e o pobo de Igón.

Toca avanzar ata o desvío con destino ao lugar das Ruínas do Mosteiro de Santa María de Loio, onde se crea a Orde Militar dos Cabaleiros de Santiago. Doce cabaleiros que no ano 1170 fixeron un xuramento para protexer aos peregrinos dos asaltos dos infieis. Consérvanse unicamente restos de edificacións e escaleiras, así coma un sarcófago e a capela de Santa María de Loio (Cortes), recentemente restaurada.

O tramo final da senda leva ata a estrada LU-633, fronte a dous restaurantes: o mesón do Loio e Río Loio e restaurante O Roberto, onde se poden repoñer forzas coas anguías e as troitas, e incluso admirar as impresionantes vistas das augas de Belesar.

A ruta do Loio é unha marabillosa ruta lineal que non deixa indiferente a ninguén e que permite contemplar o fantástico entorno natural que garda o municipio de Paradela, con fascinantes bosques autóctonos, fervenzas, viñas e elementos etnográficos e históricos.