Skip to main content
Sarria

Sarria decreta novas medidas para controlar a acumulación de plásticos agrícolas

Por 8 Setembro, 2022Sin comentarios

O concello de Sarria vén de impoñer unha nova medida para loitar contra a acumulación de plásticos agrícolas consistente na eliminación dos catro puntos habilitados na localidade lucense para a súa almacenaxe.

O acordo ao que se chegou en xunta de goberno, foi unha proposta do alcalde Claudio Garrido, e o que se pretende agora é que esta recollida de plásticos agrícolas se realice porta a porta de xeito gratuíto para tódolos agricultores e gandeiros.

Así e co fin de evitar os vertedoiros incontrolados, procederase ao peche dos catro puntos de almacenaxe existentes ata o de agora situados en A Pena, a estrada de Ortoá a Goián, Santo André de Paradela e en San Xulián. Polo que quedará prohibido depositar alí os plásticos e tampouco poderán deixarse en espazos públicos, implicando isto as pertinentes sancións.

A nova medida adoptada polo concello que estará dispoñible a partir deste xoves día 15, poderase solicitar cunha chamada ao teléfono 603 717 988. Débese indicar o nome, a situación da explotación e a cantidade aproximada de residuos, que deberá ser deixada atada nun lugar de fácil acceso.

Este servizo gratuíto para o usuario, vén de sumarse a outros coma a recollida de voluminosos ou de papel e cartón do comercio que leva a cabo o concello de Sarria, á cabeza entre os municipios galegos con máis cantidade recollida de plásticos agrícolas.