Skip to main content
MonterrosoPalas de ReiParadelaPedrafitaPortomarínSamosSarriaTriacastela

A Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés recibe o premio internacional Apecsa 2022

Por 23 Setembro, 2022Setembro 24th, 2022Sin comentarios

A Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés vén de gañar a X edición do premio internacional Apecsa 2022, convocado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago. Nunha edición dedicada a Pilar Armesto Valiña, que desenvolveu labores de hospitaleira, mesoneira, dinamizadora e defensora dos valores do Camiño de Santiago e foi pioneira no asociacionismo e na acollida aos peregrinos.

Na actualidade a Mancomunidade está integrada polos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide,  Arzúa e O Pino.

O xurado deste premio internacional Apecsa 2022, estivo presidido polo xornalista Luís Celeiro Álvarez, que destacou e valorou “moi positivamente o traballo da Mancomunidade e de cada un dos concellos integrantes da mesma, na defensa e promoción dos valores do Camiño de Santiago, que dende os seus comezos foi un tránsito de cultura e coñecemento e un espazo de arte que temos a obriga de manter e agrandar”, afirma o xornalista.

Segundo o xurado, do que tamén formaban parte os xornalistas Xosé Luís Muñoz e Carmen Prado (do Colexio de Xornalistas de Galicia e da Asociación de Periodistas de Santiago, respectivamente), Xabier Goyanes (da Asociación Pazos de Galicia) e Purificación Carballo (que actuou como secretaria de Apecsa), “o traballo feito pola Mancomunidade no ano 2021 e primeiro semestre de 2022, na defensa e promoción de valores como o da solidariedade, a divulgación da cultura en tódalas súas manifestacións, das artes e da artesanía, así como a consideración do camiño como un patrimonio común, capaz de xerar riqueza cultural e económica, en todos e cada un dos concellos, fan a esta entidade gañadora do Premio”, destacaron.

O xurado valorou tamén como un “feito positivo e que merece ser destacado dentro das actividades da Mancomunidade”, o programa Resoando no Camiño co que o artista Abraham Cupeiro realizou seis actuacións en seis enclaves singulares ao longo do Camiño Francés en Galicia.

O Premio consiste nunha escultura, Harmonía, da autoría de Luís Loureira e o acto de entrega terá lugar en O Cebreiro, o día 21 de outubro deste 2022.