Skip to main content
Meira

Meira: Ruta Miño-Eo

Por 26 Setembro, 2022Sin comentarios

Arranca do Pedregal de Irimia e descende dende a Serra de Meira ata a beira do río, nun percorrido cunhas vistas excepcionais.

Aruta Miño-Eo ten o seu quilómetro  cero no Pedregal de Irimia, nacemento do río Miño. A altitude desta ruta varía entre os 875 metros no alto da Serra de Meira, aos 175 metros  na Treita, xunto ao río Eo.

As vistas ao longo do percorrido son excepcionais, podendo observar a diferenza entre as dúas ladeiras da serra e contemplar a flora e a fauna da contorna, atopando animais salvaxes como cabalos, vacas do monte, raposos, corzos, lebres, xabarís e aves de todo tipo como perdices, corvos e pegas entre moitos outros. Un dos puntos a destacar nesta ruta é A Mexadoira; fervenza de aproximadamente 15 metros de altura que se atopa no chamado Rego de Murias.

A baixada a este lugar é complicada e require un coidado e atención especial, pero chegar a el paga a pena. Situada xusto ao lado do río Eo (un río de troitas con abundancia de salmóns) atópase a antiga central eléctrica da Treita. Na última subida cara ao final desta ruta no Estreito, podemos observar unha gran variedade de flora: carballos, castiñeiros, bidueiros, nogueiras, cerdeiras, piñeiros, acevos que nos permitirá gozar dos diferentes tons da cor de verde que prevalecen na xeografía galega.

Ruta ben marcada mediante sinais, frechas e paneis. Posibilidade de reducila en dúas rutas circulares máis curtas.Dispón dun atallo sinalizado para acortala despois da fervenza. Altitude máxima: 889 msnm. Altitude mínima: 175 msnm. Tipo de ruta: lineal, coa posibilidade de facelo circular engadindo 4 km. Accesible a pé, bicicleta de montaña e cabalo.

A ter en conta é que desde Meira, pola CP-3003 xunto á igrexa de Meira, e ata o Pedregal de Irimia a uns 2.5 quilómetros aproximadamente hai aparcadoiro para vehículos.