Skip to main content
Vilalba

Cambios na programación infantil das festas vilalbesas

Por 2 Setembro, 2022Setembro 3rd, 2022Sin comentarios

As condicións meteorolóxicas previstas para hoxe obrigan a un cambio na programación infantil prevista. Así, a festa infantil con inchables, tobogáns acuáticos e demais trasladarase aos pavillóns dos colexios Insua Bermúdez e Mato Vizoso no mesmo horario previsto de 16.30 a 19.30 horas.

O que queda en suspenso aínda é a festa da escuma que se o tempo dá tregua, ás 19.30h celebrarase nas pistas do Mato Vizoso.

Continúan en Vilalba as festas patronais na honra a San Ramón e Santa María, que contarán esta noite cunha das grandes citas, o concerto de Manu Chao, para o que xa están vendidas as entradas.

PROGRAMA DO SÁBADO

As celebracións rematarán esta fin de semana pero o sábado hai preparado un amplo programa que terá o seu inicio cos pasarrúas a cargo de Cerna de Árbol e Mestura de Nete.

A agrupación musical Cerna de Árbol xurdiu a raíz da Asociación Cultural e Deportiva da mesma parroquia vilalbesa.

Este grupo de música tradicional fundouse despois dun curso de música no que participou algún membro da asociación e como da música desfrutan todos os veciños, despois dun magosto de 2014 decidíronse a crear esta formación.

Contan con arredor de 25 compoñentes dos que 12 son nenos de entre 8 e 14 anos e aos que lles encantan a percusión. Malia que coa covid déronse de baixa varios membros,  os embarazos dalgúns dos integrantes traeron consigo novos compoñentes.

Cerna de Árbol participa en diferentes feiras do Concello de Vilalba como a de Artesanía e a do Capón, e por suposto nas súas festas parroquiais e as de algún que outro integrante que non é da mesma pois o fin máximo deles é xuntarse e pasalo ben.

Para actuar contan cos seus propios traxes tradicionais e con polos máis cómodos para xuntanzas máis informais como os Cantos de Taberna.

A Asociación Cultural Mestura de Nete deuse de alta formalmente este ano para poder inscribirse e participar en programas como o musiqueando da Deputacion ou en diferentes actuacions como cantos de taberna, procesión, festivais, etc. Dende o 2015 a Asociacion de veciños de Nete, que cumpre este ano 25 anos de existencia, organizou clases de música tradicional (pandeireta, baile tradicional, acordeón, gaita, percusión, canto tradicional), e cada ano foi aumentando o número de alumnos ata chegar actualmente a preto de 80 persoas nas diferentes disciplinas.

Co paso do tempo foise consolidando o grupo de cantos con 20 persoas actualmente. Todos os venres ensaian con Pablo Pintor e participan en varios cantos de taberna así como nos Seráns culturais do Concello de Vilalba. Este ano tamén fixeron un festival benéfico no auditorio vilalbés para a Asociacion Somos unidos por el cáncer.

Os traxes para tocar tamén os confeccionán eles mesmos no taller de costura que organizou a Asociacion de veciños coa modista Feli Vázquez.

No apartado musical plenamente festivo estará o dúo Estrellas en dobre sesión (vermú e verbena) e pola noite actuará a orquestra Olympus.

No apartado infantil está prevista a actuación do Mago Antón, que estará na  praza da Constitución en horario de mañá ás 12.00 e ás 13.00 horas, e de tarde ás 18.00,  19.00 e 20.00 horas co seu espectáculo Mil Maxias.

Ese mesmo día, pero ás 17.00 horas terá lugar un obradoiro de Pompas de novo na praza da Constitución.

Finalmente será o día para outro clásico, o XVI Festival de Bandas Pepe Guntín, que se celebrará ás 20.00 horas no auditorio vilalbés.

PRESENTACIÓN DO LIBRO DE LOIS PEÑA NOVO

En Vilalba, dentro da programación das festas patronais, vense de presentar o libro LOIS PEÑA NOVO, 55 ANOS DESPOIS, publicado polo Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia e o Concello vilalbés.

Na presentación tomaron parte a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o especialista en Peña Novo, Manuel Roca; o historiador Xosé Antón Pombo e o xornalista vilalbés, Presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

O libro publícase aos cincuenta e cinco do pasamento do avogado vilalbés, o 24 de xullo de 1967, cando acudía a Vilalba á inauguración do Parador de Turismo, sufrindo en Robra, na Nacional VI un accidente mortal no que foron víctimas o avogado e político, a súa dona Ermitas Verdes, e un matrimonio amigo.

Xorde a idea do libro por descubrirse en Lugo dous manuscritos de Peña Novo de cadansúa conferencia o ano 1917. Os manuscritos son analizados por Manuel Roca; Pombo Mosquera sitúa a Peña Novo na Vilalba do seu tempo, e incorpórase unha biografía do persoeiro lembrado escrita polo vilalbés Bernardo García Cendán. (+)

Xulio Xiz recolle documentalmente a expulsión de Peña Novo da secretaría do concello de Lugo en agosto de 1936, e o longo proceso seguido para a súa rehabilitación moral (1993-2003), chegando a que Peña Novo teña en Lugo a rúa situada á beira do edificio do antigo Goberno Civil (hoxe, Delegación do Goberno), organismo do que nos anos cincuenta do pasado século Peña Novo intentou infructuosamente ser reposto no escalafón de Secretarios de Administración Local, do que fora borrado.

Complétase o libro con cadanseu traballo de Alfonso Blanco Torrado, sobre o papel deste avogado na sociedade da Chaira; de Xosé González, Presidente da Fundación Peña Novo,  e de Xosé de Cora (Album de los Lucenses), resumindo vida e obra deste especial vilalbés, destacado político hasta 1936, represaliado daquela e que vivíu en silencio -traballando como destacado avogado que era – o resto da súa vida activa.