Skip to main content
Cultura AMARIÑAXADeportes AMARIÑAXARibadeo

Ana María Ferradás, Club Atletismo Ribadeo: “O noso club leva o nome da vila fóra das nosas fronteiras”

Por 16 Outubro, 2022Marzo 11th, 2024Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Falamos con Ana María Ferradás Barrera é actualmente a presidenta do Club Atletismo Ribadeo.

Como naceu o club?

O Club Atletismo Ribadeo naceu no 2006, no que un grupo de amigos que nos gustaba correr, decidimos formar o club para ir colectivamente ás carreiras populares e co noso exemplo fomentar o noso deporte na nosa vila. Na actualidade a presidenta do club é Ana María Ferradás Barrera e somos 44 socios.

Como afrontan esta nova tempada?

Para a próxima tempada 2023 intentaremos seguir avanzando, ofrecéndolles aos nosos socios a oportunidade de coñecer o atletismo en todas as súas facetas, tanto popular como federado, facilitando a súa participación en todas as disciplinas atléticas. Seguiremos a invertir na adquisición de material apropiado para a práctica e mellora, non só da carreira a pé, senon tamén dos concursos.

De que logros se sinten máis orgullosos?

O que máis nos orgullece é que os nosos atletas máis novos, que agora teñen máis de 18 anos, que empezaron nas escolas deportivas municipais de atletismo con 4 anos, xestionadas polo noso club, seguen a practicar atletismo. Éste é o principal obxectivo do club, inculcar a paixón polo atletismo na sociedade. Estamos orgullosos dos éxitos dos nosos atletas a nivel individual. Somos ún club modesto, pero que temos nas nosas filas atletas que participaron en campionatos europeos absolutos, campións de España absolutos, campións galegos en case todas as categorías e ultrafondista, que agás da Antártida, recorreu todos os continentes.

Cantos equipos hai actualmente?

En atletismo, estamos representados en todas as categorías, dende benxamín ate veteranos, tanto a nivel popular como federado. Na sección de tríatlon estamos representados a nivel federativo na categoría absoluta pero non en campionatos.

Cales son as especialidades con máis éxito entre os membros?

Participamos en todas as modalidades atléticas, pero a que máis éxito reporta son as probas de carreira e os campións galegos nas probas de concurso. Entre os membros do club predominan as probas de larga distancia, pero somos un club todoterreo que tanto participamos na pista: velocidade, concursos, medio fondo  e fondo, como en trail, montaña, campo a través e ruta: 5km, 10km,1/2 maratón e maratón,  e somos moi asiduos das probas populares que se disputan en todo o territorio galego. En tríatlon participamos a nivel popular na categoría absoluta.

Canto tempo é necesario adicarlle aos adestramentos?

Todo depende do nivel do atleta e das probas que se prepare. A nivel popular con adestrar mínimo 3 días, é suficiente, pero cando xa se quere ter un obxectivo maior entón hai que sacrificarse moito, xa que consome moito tempo; nalgúns casos, adestrar todos os días da semana con máis ou menos intensidade, seguindo un plano de adestramento enfocado á proba que se quere disputar. No noso club dedicamos 2 días á semana a adestramentos colectivos.

Organizan moitas carreiras?

Só organizamos a Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo e participamos en todos os eventos da nosa vila como voluntariado.

Cales son os proxectos máis inmediatos que teñen en mente?

Un dos proxectos máis importantes para esta próxima tempada, é a creación dun ximnasio propio do club e seguir coas escolas municipais de atletismo.

Que aporta o club á vida deportiva de Ribadeo?

O noso club leva o nome de Ribadeo por todo o territorio estatal e mesmo fóra das nosas fronteiras. Estamos representados en campionatos galegos e estatais, e todos os anos, intentamos facer unha viaxe colectiva a un evento salientable dentro ou fóra do territorio visualizando a nosa vila na nosa equipación.

Contan con apoio municipal?

Temos apoio do noso Concello en subvencións e facilidades para desenvolver a nosa actividade a nivel deportivo e na organización da Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo, pero se as comparamos con outros deportes que se practican na vila, é mínima, xa que nós, non dispoñemos dunha instalación adecuada ao noso deporte. O noso lugar de adestramento é o óvalo, que é de pouco máis de 300 metros arredor dun prado, do que nós mesmos somos os que nos ocupamos de que estea nas mellores condicións para correr.

Que necesidades teñen?

Contar con máis apoio e axuda por parte do goberno municipal para que faga posible a instalación dunha pista ou polo menos de un espazo adecuado para a práctica do atletismo.  Precisariamos máis compromiso co noso deporte, non só por parte do Concello, senon tamén polos medios de comunicación, empezando por trocar a súa visión do atletismo, de que é un deporte individual que non atrae ben social nen económico para as vilas. Só dan a visivilidade ao  atletismo, nas mesmas condicións a outros deportes, cando veñen as olimpíadas, despois case non lle dedican nada, mesmo cando hai campionatos mundiais, europeos, os minutos son mínimos. Dedican a unha fichaxe de futbol o 99% do espazo e nada cando un atleta gaña unha medalla nun determinado campionato. Isto dice moito da nosa incultura.

Como valorades o apoio do pobo?

A nivel xeral, na nosa vila o atletismo non ten moita aceptación. Certo que aumentaron as persoas que corren pola vila pero non a nivel de club. No caso dos nenos, tampouco se declinan polo atletismo. O noso deporte é duro porque, principalmente, dependes só de ti e despois tes que loitar contra un contrario e a maiores contra o reloxo. É moito máis duro e  difícil chegar a cumplir os soños. A nivel individual, no noso pobo estamos moi recoñecidos.

Teñen algunha lembranza especial dalgunha carreira?

En todas as carreiras temos intres que fican indelebles no noso maxín polas actuacións dos nosos compañeiros. É difícil escoller un. Nesta tempada, fixemos unha viaxe a Abeiro, Portugal, para participar no seu maratón e na que tamén participaron a maioría dos nosos atletas, xa que había, dentro do propio evento do maratón, andaina, 10Km. e media maratón. Estas saídas son das actividades máis placenteiras que temos, xa que nos dá a oportunidade de compartir colectivamente a nosa pasión polo atletismo en familia.

Como veremos ao club dentro dalgúns anos?

Agardamos que a xente nova colla o relevo e seguir na mesma líña de gozar do atletismo colectivamente sen renunciar a abranguer todas as metas que se nos poñan no camiño.