Skip to main content
Burela

O Concello de Burela adxudica o SAF e amplía os seus servizos

Por 17 Outubro, 2022Sin comentarios

O Concello de Burela vén de adxudicar o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ao que destinará unha partida de 616.252 euros na modalidade de dependencia.

Así o ratificaron na sesión plenaria celebrada pola corporación municipal. O financiamento é asumido a nivel municipal, autonómico e polos propios usuarios. Así, o Concello financia un 30% do custe do servizo, asumindo o 60% a Xunta de Galicia por ser este un servizo da súa competencia, e un 10% polos propios usuarios.

Actualmente estanse atendendo a un total de 75 persoas no programa de dependencia, 28 das cales reciben este servizo as fins de semana. No programa de libre concorrencia, financiado integramente pola Deputación de Lugo, son outras 28 as persoas atendidas.

Traballan no Servizo de Axuda no Fogar 29 auxiliares que cubren un total de 35.000 horas, incluíndo as fins de semana. Ademais, tamén se realizarán sesións de fisioterapia, podoloxía e perruquería a domicilio, incluídas neste contrato.

A concelleria de Servizos Sociais, Carmela López, destacou a importancia “deste servizo fundamental para moitas familias con persoas dependentes, que contan con profesionais nos seus domicilios para a atención e coidado das súas necesidades”. Nesta liña, subliñou “o esforzo das administracións por coordinar e financiar o SAF”, afirmando que “a adxudicación deste contrato vese reforzado coa mellora dos servizos de perruquería, podoloxía e fisioterapia a domicilio, entre outros, que melloran a calidade do servizo e o benestar dos seus destinatarios e destinatarias”.

A xestión municipal do programa de Dependencia do Servizo de Axuda no Fogar require de seguementos bimensuais no domicilio dos dependentes, así como a xestión de solicitude de cambio nos horarios, reorganización por baixas das auxiliares ou presentación de auxiliares nos domicilios, “un traballo realizado por persoal municipal dun xeito rigoroso e facendo un esforzo continuo e permanente pola atención das persoas usuarias e as súas familias”, comentou López, engadindo que “para este goberno as políticas sociais son un dos eixos fundamentais, especialmente aquelas que dan resposta a necesidades de colectivos vulnerables”.