Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Os socialistas demandarán á Xunta no Pleno da Deputación un cambio nas políticas de prevención de incendios

Por 24 Outubro, 2022Sin comentarios

O Grupo Socialista da Deputación de Lugo reclama á Xunta explicacións e responsabilidades na vaga de lumes que sufriu a provincia de Lugo o pasado verán, e un cambio radical nas políticas de prevención e extinción de incendios forestais ante o seu “fracaso”, que quedou en evidencia en lumes como o do Courel.

Por iso, o PSdeG defenderá no vindeiro Pleno da Deputación, que se celebrará este martes, unha moción para reclamar a comparecencia do Conselleiro de Medio Rural no Parlamento de Galicia para dar explicacións e asumir as súas responsabilidades.

Os socialistas esixen ao Goberno galego que modifique o seu modelo de loita contra o lume para poñer o acento nas tarefas de prevención e limpeza do monte durante todo o ano, incrementando as partidas orzamentarias dedicadas a esta finalidade.

Piden así mesmo “a implantación dun servizo único de loita contra o lume profesional, estable, formado, ben equipado e baixo o mando único da Xunta de Galicia, rematando coa situación de precariedade, temporalidade e descoordinación do actual modelo de brigadas”; que a Xunta cumpra coa legalidade vixente e aprobe e publique o PLADIGA (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia)  antes do 31 de outubro; e o o impulso de políticas forestais transversais, que fomenten os usos agrogandeiros, forestais, turísticos ou culturais imprescindibles para manter o monte vivo, limpo e ordenado.

O PSdeG defende que a loita contra o lume forestal “é un obxectivo prioritario para garantir o futuro do noso rural, e negámonos a aceptar como inevitable unha situación que se reproduce ano tras ano polas malas políticas do PP”.

“As cifras provisionais de máis de 44.000has queimadas, máis de 20.000 en espazos naturais, demostran que as cousas non se están a facer ben. Con 180M€, Galicia é a comunidade autónoma que máis orzamento dedica á loita contra o lume. Como é posible que sexa sempre unha das máis afectadas?”, preguntan dende o PSdeG. “Quizá porque, segundo o Conselleiro de Medio Rural, só se destinan 14M€ desa cantidade ás tarefas de prevención”, sinalan.

PLADIGA

Os socialistas critican a mala planificación da Xunta, “incumprindo os prazos legais de aprobación do PLADIGA e apostando por un modelo de brigadas municipais, temporais, infradotadas e mal coordinadas que, coma tantas veces, carga nos concellos responsabilidades que son competencia da Xunta”. Chama a atención que, mentres a propia Fiscalía investiga a inacción da Xunta, rexedores populares coma a do Courel poñan o empeño en tapara a nefasta xestión da Consellería, antepoñendo as consignas de partido por riba da defensa dos intereses dos seus veciños e veciñas”.