Skip to main content
A FonsagradaCervantesNavia de SuarnaNegueira de Muñiz

A Deputación e AELU apoian ás emprendedoras e empresarias da Montaña

Por 26 Outubro, 2022Outubro 27th, 2022Sin comentarios

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou hoxe na Fonsagrada nun almorzo de traballo celebrado no marco do programa Feminino Rural. Evolución que impulsa a Deputación en colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU). Neste encontro participaron mulleres con iniciativas empresariais ou emprendedoras da comarca da Montaña, e estivo tamén presente o tenente de Alcalde da Fonsagrada, José Ángel Fernández Carrín.

Fernández Rico salientou que esta medida forma parte da estratexia da institución para fortalecer o tecido produtivo da provincia, neste caso, os proxectos empresariais e emprendedores liderados por mulleres no rural. Detallou que este é un programa no que as
participantes reciben formación, acompañamento e asesoramento de maneira gratuíta, tanto para mellorar os negocios que están en marcha, como para favorecer o éxito e viabilidade das iniciativas emprendedoras. A institución provincial inviste 40.000€ neste programa.

O Deputado subliñou que o proxecto está tendo moi boa acollida na provincia, con máis de 100 mulleres involucradas, que queren desenvolver ou xa están desenvolvendo actividades moi diversas, entre elas, servizos forestais, apicultura, turismo rural, comercio, agricultura ecolóxica, organización de eventos, publicidade, gandería, coach, adegas, artesanía, tear, pilates ou traballos feitos á man.

O programa Feminino Rural. Evolución naceu co obxectivo de chegar ao maior número de mulleres posible e facilitar a súa participación. Por iso, atendendo precisamente ás características demográficas do noso territorio, todas as accións fanse de maneira deslocalizada, nas distintas comarcas da provincia: A Mariña, Lugo, A Ulloa, a Terra Chá, Sarria, A Montaña e a Ribeira Sacra. En cada zona créanse sinerxías entre as mulleres, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias que beneficien aos proxectos individuais de cada unha.

As formacións e asesoramentos están dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados das empresas que teñen en marcha. Pola súa banda, as emprendedoras participantes reciben asesoramento e apoio técnico para constituír e
arrancar a súa propia empresa, e para favorecer a súa viabilidade.