Skip to main content
Lugo

Volven os Encontros de Lúa Chea con un debate sobre muller rural

Por 14 Outubro, 2022Sin comentarios

Os Encontros de Lúa Chea, un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego recuperan o martes 18 de outubro, a partir das 20.00 horas, na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, os foros de debate no Campus Terra da USC cunha sesión conmemorativa do Día Internacional da Muller Rural, efeméride que se celebra o 15 de outubro, na que intervirán como relatoras dúas mulleres fondamente  ligadas á realidade do medio rural.

A xornada, que se desenvolve baixo o título Muller rural, do pasado de silencio ao futuro de lideranza, permitirá ao público asistente coñecer de primeira man os testemuños de dúas mulleres con traxectorias vitais e profesionais diferentes, pero que apostaron polo
rural como espazo vital e lugar que reivindicar, tal e como son a labrega e secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), e Isabel Vilalba, psicóloga e autora do blog Leiras e marcos. A profesora da área de Historia de Historia Contemporánea da USC e coordinadora do grupo de innovación docente Ruralia, Ana Cabana Iglesia, será a encargada de moderar esta sesión, que é de acceso libre e de balde ata completar o aforo.

O día 15 de outubro, a ONU conmemora o Día Internacional das Mulleres Rurais , un colectivo que é case a metade da forza laboral agrícola en moitos países do mundo, pero que padece aínda graves discriminacións no referente ao recoñecemento legal do seu traballo, á súa remuneración, ou ao acceso á propiedade dos medios de produción, por citar algunhas das máis evidentes.

Ante esta situación e conscientes da necesidade de cambios, dado que o futuro do rural escríbese en feminino, as comisións de Igualdade da EPS de Enxeñaría e da Facultade de Humanidades propoñen este debate informal para afondar un pouco máis na realidade e nos cambios que está a experimentar o cometido que desenvolve a muller no medio rural galego.

Un escenario no que ata fai ben poucos anos as mulleres traballaban nas explotacións agrícolas ou gandeiras ao mesmo nivel ca os homes, pero o seu labor movíase entre o silencio e a invisibilidade pública. De feito, a súa capacidade de decisión era mínima, non figuraban como titulares ou cotitulares, non cotizaban á Seguridade Social. As cousas mudaron moito nestes últimos tempos e esta evolución está tamén a contribuír á transformación do propio medio rural.