Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

O XVII Concurso de Tapas será do 4 ao 20 de novembro

Por 27 Outubro, 2022Sin comentarios

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería (APHEL), Cheché Real presentaron no Vello Cárcere a XVII edición do Concurso de Tapas de Lugo.

Entre o 4 e o 20 de novembro os locais participantes ofertarán as súas tapas a todas as persoas que o desexen, que exercerán de xurado popular para escoller a tapa gañadora do concurso e as 12 finalistas.Un xurado profesional outorgará premios entre os finalistas.

As persoas que o desexen, poderán votar as distintas tapas mediante un cupón de votación individual, que deberá ir selado polos establecementos participantes. Cada tapa poderá ser puntuada cunha nota do 1 ao 5. Todos os cupóns presentados participarán no sorteo dunha estancia para dúas persoas en Hacienda Zorita, en Salamanca, para os cupóns participantes cun mínimo de 10 establecementos visitados, e unha viaxe dunha semana para dúas persoas a Budapest se o cupón está selado por un mínimo de 20 establecementos.

Maite Ferreiro destacou “a importancia deste concurso para a cidade e para o turismo, así como para a hostalería local”. Pola súa banda, Cheché Real destacou “o compromiso da área de Turismo co sector da hostalería na realización deste concurso”

Lara Méndez destacou a calidade da oferta gastronómica da cidade, tanto nos produtos que se utilizan como polos profesionais que os preparan nunha “hostalaría que é xa coñecida en toda España e pola que traballamos na consecución da súa declaración como patrimonio inmaterial”.

Neste sentido, Méndez lembrou a aposta do Concello por impulsar, a través dos fondos europeos Next Generation, un “ambicioso proxecto turístico baseado na nosa historia e patrimonio, vinculado tamén coa enogastronomía coa recuperación na ribeira do Miño do edificio da Fábrica da Luz como un centro de referencia para o devandito cometido”.

Esta decimoséptima edición do Concurso de Tapas contará coa participación de máis de 40 bares e restaurantes da zona con diversas propostas culinarias. A rexedora explicou que este concurso é unha cita xa tradicional, que vai da man ademais “coa nosa decisión de promover un turismo do século XXI: cultural, gastronómico, accesible, interactivo e ben posicionado”.

A rexedora convidou aos veciños e veciñas a gozar da nosa gastronomía no mes de novembro, que cada ano renova o atractivo da cidade ao tempo que impulsa a marca …E para comer Lugo.

García Porto, pola sua banda, felicitou ao Concello de Lugo e á Asociación de Empresarios de Hostalería “por recuperar unha cita gastronómica de alto nivel na cidade”, que sempre demostra “a calidade e orixinalidade dunha das nosas sinais de identidade, como son as tapas”. Dende a Deputación de Lugo, sinalou a deputada, “vimos apostando decididamente por un modelo de turismo sostible, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, aproveitando a diversidade da nosa provincia. Un turismo que coida e pon en valor o noso patrimonio e que crea riqueza”.

O Concurso de Tapas de Lugo, engadiu García Porto, “ten tamén esa capacidade, non só para incentivar o consumo nun momento no que os empresarios e autónomos o precisan, senón para atraer á cidade xente doutros lugares”.