Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

A Ribeira Sacra aposta pola eficiencia enerxética e a dixitalización

Por 26 Outubro, 2022Outubro 27th, 2022Sin comentarios

Os obxectivos fundamentais recollidos na axenda de Galicia a través dos orzamentos de 2023 son a dixitalización, a eficiencia enerxética e a internacionalización.

Así quedou patente no II Foro Think Tank organizado xunto coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) no marco do programa Conecta Lugo que nesta ocasión se celebrou baixo o lema Ribeira Sacra: aposta de futuro.

Na súa intervención o vicepresidente económico, Francisco Conde, sinalou que “este encontro permite poñer en valor a excelencia do sector agroalimentario da zona, dos seus viños e da aposta que se está a facer polo turismo sustentable poñendo en valor que a Ribeira Sacra é Galicia Calidade”.

No acto, no que tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, Conde incidiu en que “a saída aos mercados exteriores é un dos grandes retos que afronta o tecido empresarial, sumado á transformación dixital e a transición enerxética”.

Iso fai, segundo explicou, que “a cultura da eficiencia e a sustentabilidade teñan que estar hoxe en día na axenda de calquera empresa para poder facer fronte ao impacto que o prezo eléctrico ten sobre os custos de produción. Por iso, nos orzamentos para 2023 duplícanse as axudas para familias e empresas a rebaixase a factura eléctrica (pasando de 40 a 75 millóns de euros)”. Dentro desta partida, destinaranse 17 millóns de euros a incentivar o autoconsumo e as comunidades enerxéticas empresariais e no tocante á internacionalización, destínanse 20 millóns de euros a impulsar a presenza da Marca Galicia e das empresas galegas nos mercados internacionais.

O responsable de Economía, Industria e Innovación sinalou que “as prioridades do tecido empresarial galego son as da Xunta, co obxectivo de impulsar a recuperación e o crecemento da economía galega. Nesta aposta, Galicia Calidade debe sumarse aos novos retos da transición dixital e da aposta por unha economía máis sostible”.

Por iso, “estase a traballar para que ao longo de 2023 se poida impulsar a tecnoloxía Blockchain como un factor diferencial nas empresas que pertencen ao selo de Galicia Calidade, axudándoas na súa innovación na cadea de subministración -o que achegará garantías de trazabilidade aos consumidores- e apoiando as empresas no seu desenvolvemento dixital. Tamén se implantará un sistema de indicadores de sostibilidade que servirá para achegar valor ás empresas” afirma Conde.