Skip to main content
Folgoso do Courel

O Courel acolle o 5 de novembro a XXXIII edición da Festa da Castaña

Por 18 Outubro, 2022Sin comentarios

O concello de Folgoso do Courel celebra o sábado 5 de novembro a XXXIII Festa da Castaña do Caurel, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

Este evento que se celebrou por última vez no ano 2019 en Seoane por mor da pandemia, levarase a cabo en Folgoso do Courel ao longo de todo o día.

O concello agradece aos nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria do CPI Poeta Uxío Novoneyra, xa que foron os autores do cartel que este ano anuncia a festa.

O pregón da festa correrá a cargo do cociñeiro e presentador Xoanqui Ameixeiras.

Programa

Ás 12:00 horas está prevista a apertura do recinto e unha representación de música de raíz coa participación de Xavier Blanco da Fundación Legar.

Ás 13:00 horas haberá unha degustación de pratos elaborados con castaña a cargo da Asociación Cociñeiros Lugo.

Ás 13:30 horas será o pregón a cargo do cociñeiro e presentador Xoanqui Ameixeiras.

De seguido, farase a entrega de trofeos do III Concurso de Tapas da Castaña. Haberá unha actuación do grupo Gaitas e Cantores do Courel e unha degustación gratuíta de castañas e viño durante toda a mañá e parte da tarde-noite, que estará amenizada por unha charanga e o grupo O Recanto.

Ás 18:30 horas terá lugar o concerto Falando a Música con Rosa Sánchez e Pablo Carpintero na carpa da Praza do Concello e ás 20:30 horas tódolos asistentes desfrutarán da cea popular na carpa.

Ás 22:00 horas actuará do Dúo Explosión e ás 23:00 horas haberá un concerto do Grupo Gin Toni’s e terá lugar o remate da festa co Dúo Explosión.