Skip to main content
Monforte

Monforte acollerá varias xornadas sobre xestión técnico económica de explotacións

Por 8 Outubro, 2022Sin comentarios

O concello de Monforte organizará a vindeira semana ata cinco xornadas que versarán sobre xestión técnico económica de distintos tipos de explotacións organizadas pola Xunta.

A consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar a semana que vén ata cinco xornadas sobre xestión técnico económica de distintos tipos de explotacións. Todas as accións desenvolveranse de 10.00 a 14.15 horas no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte.

Así, o luns 10 de outubro terá lugar unha xornada sobre a xestión das granxas de vacún de leite e ese mesmo día, así como o martes 11, abordaranse as peculiaridades das explotacións de gandaría extensiva. Mentres, o xoves 13 trataranse as granxas con necesidade de base territorial e o venres 14 as explotacións de cultivos, fruticultura, vitivinicultura e apicultura.

O obxectivo xeral de todas estas accións formativas é presentar a xestión técnico económica como unha ferramenta para reducir a incerteza na actividade agrogandeira. Deste xeito, definirase o concepto, tratarase a súa utilidade, analizaranse de maneira pormenorizada as fases que comprende e o produto final que se obtén. Tamén se analizarán diversos conceptos que teñen que ver coa xestión como os investimentos, o cálculo das amortizacións técnicas ou os préstamos.

Cómpre engadir que no caso da xornada sobre o vacún de leite analizaranse casos reais e empregarase a aplicación Conta Láctea implementada pola Xunta para calcular os custos de produción deste tipo de granxas.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes. Estas iniciativas están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Cómpre lembrar que a consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 106, ou enviarse un correo a cesar.crespo.vazquez@xunta.gal.