Skip to main content
Monforte

Ábrese o prazo de presentación de ofertas para a licitación do SAF en Monforte

Por 9 Outubro, 2022Outubro 12th, 2022Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de informar que o concello abriu o prazo de presentación de ofertas para a licitación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que destinará máis de 3.000.000 de euros en dous anos.

“Trátase dun investimento que alcanza os máis de 3.000.000 de euros para un contrato de 2 anos polo que dende o concello facemos un esforzo moi importante para desenvolver este servizo social, como é o Servizo de axuda no Fogar”, destaca o alcalde.

Neste senso, para este ano en curso, a partida que o concello destinará para o SAF supón máis de 1.675.000 euros, o que significa o 11% do orzamento anual do exercicio 2022.

Dende  o Goberno de José Tomé, traballouse concienzudamente na elaboración das bases para a licitación deste contrato, dada a importancia e relevancia social que ten, e para elo levouse a cabo unha análise pormenorizada e diversos estudos económicos, a fin de poder ofrecer un servizo o máis completo posible para as persoas que o necesitan.

O prazo para a presentación de ofertas a este servizo estará aberto ata o 30 de outubro de 2022.

Obxecto do contrato

O obxecto deste contrato do SAF é a realización do servizo de axuda no fogar do concello de Monforte de Lemos, na modalidade de libre concorrencia e de dependencia, entendido tecnicamente como un servizo integral, polivalente, e comunitario, orientado a unidades familiares que presentan dificultades para a realización das actividades elementais da vida diaria, proporcionándolles atención, mediante intervencións específicas que favorezan a súa permanencia e integración no seu entorno habitual, e compensen a súa restrición de autonomía funcional.

As bases deste prego de contratación foron confeccionadas de acordo coas prescricións técnicas elaboradas polo departamento de Servizos Sociais. Neste senso, o alcalde destaca que “dende o Equipo de Goberno, traballamos na elaboración das bases para a licitación deste contrato dada a importancia e relevancia social que ten, tanto para os usuarios deste servizo, os nosos maiores, como para o persoal que traballa no servizo.”

Adxudicación por procedemento aberto

A forma de adxudicación do contrato será o procedemento aberto, no que todo empresario interesado coa habilitación necesaria como entidade prestadora do servizo poderá presentar unha proposición, quedando excluída toda negociación dos termos do contrato cos licitadores.

A adxudicación do contrato realizarase utilizando unha pluralidade de criterios de adxudicación en base á mellor relación calidade-prezo.

Orzamento

O orzamento base de licitación do contrato por dous anos ascende a 3.351.482,40 euros IVE incluído. Este prezo poderá rexistrar lixeiras variacións derivadas do redondeo ao segundo decimal na suma de cada unha das modalidades.

O prego inclúe ademais a posibilidade de dúas prórrogas dun ano cada unha polo que o valor estimado do contrato a 4 anos é de 6.702.964,80 ive incluído.

O alcalde sinala que “para chegar a este prezo tívose en conta tanto o custo da man de obra, é dicir, a retribución de todos os traballadores a subrogar,  incluíndo o incremento do IPC para o ano 2022, que ascende a 6,5%, que é a parte máis relevante do custo do contrato, así como de todos os custos laborais derivados do convenio colectivo de aplicación no ámbito autonómico, concretamente do II Convenio colectivo da actividade de axuda no fogar de Galicia.

Poderán presentar proposicións as persoas naturais ou xurídicas, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar, non estean incursas en prohibicións de contratar, e acrediten a súa solvencia económica, financeira e técnica ou profesional, tal e como ese recolle nas bases do contrato.

José Tomé recorda que dende o Equipo de Goberno “levamos postas en marcha diferentes medidas sociais  como axudas para a eficiencia enerxética, aumento orzamentario para emerxencias sociais, actividades gratuítas para maiores e para o público en xeral, axudas a entidades sociais, etc…, ós que se engade este incremento do importe do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, pasando de 11 €/hora a 19,27 €/hora, nesta nova licitación”.

“Este goberno pon primeiro ás persoas, e porque os nosos maiores deben ser atendidos como se merecen, licitamos este novo contrato de Axuda no Fogar por un importe importante e histórico neste concello”, conclúe o alcalde monfortino.