Skip to main content
Monforte

Monforte abre o prazo para a presentación de solicitudes de bolsas a deportistas individuais

Por 19 Outubro, 2022Outubro 21st, 2022Sin comentarios

Hoxe ábrese o prazo para solicitar as axudas a deportistas do concello de Monforte que practiquen algún tipo de modalidade deportiva  individual durante a tempada 2021-2022, cuxas bases foron aprobadas o pasado luns 10 de outubro na Xunta de Goberno Local.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destaca a importancia destas axudas “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega”.

Estas axudas poderán ser solicitadas a partir de hoxe cun prazo de 10 días hábiles, xa que xa aparece publicada a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

O importe total destinado a estas axudas é de 7.000 euros, o que supón manter o mesmo importe que nas dúas tempadas anteriores, e 2.000 euros máis que en 2019.

Poderanse beneficiar destas axudas os e as deportistas que cumpran os seguintes requisitos: estar empadroado ou empadroada no concello de Monforte, estar federado ou federada nalgunha das federacións deportivas galegas ou españolas e ter participado como mínimo en tres probas ou campionatos de carácter oficial (dos cales un deles ten que ser o Campionato de España, Campionato de Europa ou Campionato do Mundo propio da modalidade deportiva).

Terán a consideración de deporte de carácter individual todos aqueles deportes que, segundo a súa regulamentación, son practicados de forma individual. En todo caso, non se considerarán participacións individuais as substitucións nin as probas coordinadas ou sincronizadas nas que actúe simultaneamente máis dun integrante do mesmo equipo.

Todas as persoas interesadas poderán presentar méritos para a súa avaliación conseguidos entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022.

A cantidade máxima de cada unha das bolsas establécese en 600 euros por deportista.