Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte critica o estado da rede de sumidoiros do concello

Por 19 Outubro, 2022Sin comentarios

Membros do Partido Popular de Monforte manifestan o seu descontento no que ó estado da rede de sumidoiros se refire, xa que segundo alegan “está atascada pola herba e a sucidade e cando chova intensamente haberá máis inundacións”.

Tal e como eles mesmos afirman “Unha e outra vez, vimos avisando ao goberno local, presidido polo socialista José Tomé, da necesidade de mellorar as redes de saneamento e de abastecemento de auga. Tivemos a oportunidade de revisar o estado da rede de sumidoiros tanto no centro da cidade como na periferia e comprobamos que está en estado moi deficiente, tupidos polas herbas e pola sucidade”.

A portavoz popular, Katy Varela, lembra que “neste ano, tras dúas intensas tormentas, houbo en Monforte inundacións nas principais rúas da cidade. Como consecuencia, aflorou á superficie das calzadas e beirarrúas lixo solidificado e ata ratas mortas”. Varela sinala que “O alcalde manifestou que as inundacións debéronse ás fortes choivas e que os sumidoiros estaban limpos pero nós mesmos procedemos a revisar os sumidoiros en diferentes rúas da cidade e comprobamos que o seu estado é lamentable”.

Tal e como afirman membros do PP “atopamos deficiencias en sumidoiros tanto no mesmo centro, como en Hortas e Santo Domingo e noutras como a Rúa Abeledos. Tamén están mal, por citar outros casos, en Piñeira e no barrio da Estación”, aseguran.

Varela afirma que “É necesario que o goberno local se tome en serio o problema das infraestruturas hidráulicas e planifique accións a curto, medio e largo prazo para acometer as melloras necesarias, tanto na rede de auga potable como na de colectores”.