Skip to main content
Monforte

Monforte impartirá cursos de formación sobre produción de forraxes e alimentación do gando

Por 21 Outubro, 2022Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar dous cursos en Monforte de Lemos sobre produción de forraxes e alimentación do gando. A primeira formación ten previsto celebrarse o vindeiro martes 25 de outubro, mentres que a segunda se celebraría ao día seguinte, o mércores 26 de outubro. Ambos cursos se desenvolverán no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos ao longo de catro horas en horario de 10.00 a 14.15 horas.

O obxectivo destas formacións é que os alumnos adquiran os coñecementos necesarios para facer un bo uso do pastoreo co fin de que poidan abaratar os custes de produción e mellorar a calidade dos seus produtos finais. Ademais, contribúe a acadar unha produción gandeira máis eficiente, ao mesmo tempo que se respecta o medio ambiente.

Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas

Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103, ou enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.es.