Skip to main content
Monforte

Monforte conmemora o 150 aniversario das Unidades Militares do Ferrocarril

Por 21 Outubro, 2022Outubro 22nd, 2022Sin comentarios

A sede do Museo do Ferrocarril de Galicia (Muferga), en Monforte de Lemos, acolleu varios actos de conmemoración polo 150 aniversario das Unidades Militares do Ferrocarril.

A programación incluíu unha conferencia do Coronel Luís Poveda Martín e a inauguración dunha mostra conmemorativa da efeméride, que poderá visitarse ata o vindeiro 30 de novembro.

A deputada provincial Pilar García Porto estivo acompañada polo director do Museo do Ferrocarril de Galicia, Luís Blanco, a tenente de Alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada, e os coroneis Luís Poveda e Manuel Montero, entre outras autoridades.

A creación das Unidades Militares do Ferrocarril tivo lugar cunha Real Orde en 1872, para a reorganización das tropas dos enxeñeiros na península. Estas seccións tiveron un papel moi importante na loxística do transporte de persoal y material das forzas do Exército de Terra.

O horario habitual deste museo é de martes a venres, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00horas. Os sábados, domingos e festivos as instalacións do Muferga poden visitarse de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas.

A Deputación de Lugo achega 20.000 euros ao Museo do Ferrocarril de Galicia para impulsalo como un motor turístico da Ribeira Sacra. Unha achega que se materializa a través dun convenio de colaboración entre ambas entidades e que se enmarca no compromiso da institución provincial coa difusión e posta en valor da cultura, a historia e o patrimonio para impulsar a economía, o sector hostaleiro, o comercio e o turismo.

O Muferga

O Muferga foi inaugurado no ano 2001 e está xestionado pola Fundación dos Ferrocarrís de Galicia, da que é patroa a Deputación de Lugo. Nel desenvólvense proxectos para a exhibición pública do parque móbil ferroviario cun alto valor e interese turístico e cultural. Tanto as instalacións, como o propio material que atesoura convérteno nun dos museos vivos máis importantes do país, visitado anualmente por multitude de turistas nacionais e internacionais.