Skip to main content
A Pobra do Brollón

Rescíndese o contrato que aprobaba a construción da residencia de maiores na Pobra de Brollón

Por 17 Outubro, 2022Sin comentarios

O contrato coa empresa que debía construír a nova residencia da terceira idade de Pobra de Brollón foi recentemente anulado, tal e como se coñeceu na derradeira reunión celebrada pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo.

O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, afirma que “Tomé ten que dar explicacións aos veciños de A Pobra de Brollón polos continuos retrasos das obras da residencia, dende que en 2018 se firmou o convenio”

O Grupo Popular declara que “A xestión que desenvolve o goberno provincial en relación coa súa rede de residencias da terceira idade ten moitos déficits”.

Castiñeira destaca que “recibimos unha mala noticia para a Pobra de Brollón: na última reunión celebrada pola xunta de goberno da Deputación aprobaron un acordo para rescindir o contrato coa empresa que debía construír a nova residencia da terceira idade de Pobra de Brollón”. Castiñeira visitou os terreos no que se prevé levantar a residencia, xunto co portavoz municipal do PP, Fernando Parada, e o presidente da xestora do partido, Teddy López Pedredo.

Castiñeira asegura que “Dixemos que  a xestión de moitas das residencias non estaba sendo correcta, e unha delas é esta de A Pobra, que xa levaba dúas licitacións e agora rescíndese  de novo o contrato coa construtora. No PP non sabemos cal é o motivo, pero levamos anos dicindo que con esta crise económica, esta inflación e estes prezos da construción había que intentar facer algo para evitar problemas desta índole; nada se fixo e así se acumulan agora os retrasos e os prexudicados son os veciños”.

Os populares lamentan que “no goberno da Deputación non fixeran caso dos seus avisos”. Castiñeira di: “E agora vemos un retraso máis. Os veciños da Pobra de Brollón están sendo enganados.  Hai un cartel de obras e houbo unha presentación das obras por parte da Deputación. O cartel agora xa queda invalidado e o que queremos é que o goberno dea explicacións aos veciños por tanto engano, por tanto retraso; aos veciños de A Pobra de Brollón e a todos os da provincia, porque en moitos casos as obras das residencias retrásanse co que se prexudica a imaxe da Deputación e os intereses dos veciños”.