Skip to main content
Guitiriz

O Concello de Guitiriz duplica este mes a recadación do ICIO prevista para todo o ano

Por 11 Outubro, 2022Outubro 12th, 2022Sin comentarios

O Concello de Guitiriz duplica xa no mes de setembro a recadación prevista polo imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) prevista a comezos de ano para todo o exercicio orzamentario do 2022.

Así, as arcas municipais levaban ingresado 105.451,62 euros a 20 de setembro de 2022, cando tiñan previsto recadar 45.000 euros para todo o ano 2022, supoñendo uns ingresos a maiores de 60.451,95 euros. Estes bos resultados conséguense a pesar da bonificación que aplicou o goberno local a este gravame aplicada para os proxectos de interese social.

“Así favorecemos a implantación de novos proxectos, o que fai que teñamos máis recadación aínda co imposto bonificado, e nos permite levar a cabo novas melloras e obras a través de suplementos de créditos como o que aprobamos no último pleno, de máis de 35.000 euros”, explica a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira.

A rexedora destaca que “nos últimos plenos estamos levando na orde do día a aplicación da bonificación do ICIO a moitos novos proxectos  no municipio, como diferentes explotacións agrarias, o balneario e o campo de golf, ou a rehabilitación da casa de Xosé María Díaz Castro”. “É unha ganancia para todas e todos xa que se xera emprego, se potencia ou sector primario e, á vez, os veciños e veciñas de guitiriz vense beneficiados a través das melloras que se fan cos impostos recadados”, salienta.