Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Paixón polo pasado

Por 16 Outubro, 2022Outubro 17th, 2022Sin comentarios

Un veciño de Matela vén de abrir o Parladoiro Museo, onde recolle pezas e aparellos antigos.

Na parroquia de Matela, en Outeiro de Rei, un veciño vén de abrir na súa casa de Albarón un museo etnográfico que fai un percorrido pola historia dos oficios e labores tradicionais.

Baixo o nome de Parladoiro Museo, os visitantes poderán atopar pezas e aparellos tanto do século pasado como do XIX ou mesmo algunha do Neolótico, que ten uns 6.000 anos de antiguidade.

Moncho Vivero, natural de Matela, levou para adiante este iniciativa privada para poñer en valor todas esas pezas que viña restaurando ao longo da súa vida como un hobby.

Así, acondicionou un espazo na súa finca no que lucir todas estas pezas e facelo dun modo ilustrativo e educativo.

Así, pódense atopar ferramentas de carpinteiro, de zoqueiro, aparellos para o tecido do liño e da lá, utensilios da vida diaria como candís, planchas, molinillos de café, material escolar, xoguetes, libros, zocas, etc.

“Son moitos anos de recuperación de pezas e de restauralas e agota toca poñelas en valor”. Como el mesmo lembra, o primeiro que comprou para comezar con esta ocupación foi unha colección de ferramentas de carpinteiro que ían quemarse. A partir de aí comezou unha afección que foi medrando pouco a pouco.

Os mercadiños e as feiras de antigüidades convertíronse nun habitual para Moncho, que contou coa aportación de moitos amigos e veciños, que lle fixeron chegar aquelas pezas que hoxe en día poden verse no museo totalmente renovadas para unha nova vida de exposición.

A creación do museo viña xa de vello. Foi unha idea que compartía Moncho con dous amigos de toda a vida, Pablo Vazquez Lis, arqueólogo, e Manolo Díaz Penelas, director de Correos en Rábade. No ano 2014 trazaron o proxecto e comezaron a traballar para levalo adiante pero dúas enfermidades acabaron coa vida de ambos ese primeiro ano de traballo con poucos meses de diferenza e Moncho quedou só.

Na súa memoria seguiu traballando todo este tempo, coa axuda de Teresa Rodríguez Garrido, para poñer en marcha esta aventura.

O novo museo pode visitarse con cita previa dende principios deste mes. O teléfono para concertar as citas é o 626 063 493, así como o correo parladoiro.museo@gmail.com.

Os que queiran aventurarse no pasado dos oficios contarán coa explicación do propio Moncho, que oferta visitas tamén para os centros de ensino para que os pequenos podan ver moitos dos aparellos que pertencen ao pasado.

A visita ademais é gratuíta, aínda que se aceptan donativos para poder seguir ampliando e subvencionando unha obra que se realizou sen subvención nin aportación ningunha. De feito, a previsión é seguir aumentando pezas a medidas que se vaia traballando.

Explica Moncho que antes tiña unha exposición más pequena con outro tipo de cousas e aparellos que se incorporarán a esta mostra cando reciban outra posta a punto.