Skip to main content
Axenda CaducadaXermade

A Invernada de Cine de Cabreiros contará con cinco proxeccións en novembro e decembro

Por 23 Outubro, 2022Outubro 25th, 2022Sin comentarios

A casa escola de Cabreiros volverá ser sede este outono da Invernada de Cine, que este ano chega á súa décima edición con proxeccións durante os meses de novembro e decembro.

O programa contará con cinco proxeccións que este ano comezarán un pouco máis tarde, xa que non haberá a finais de outubro como outros anos.

O programa abrirase o 5 de novembro, ás 18.00 horas, coa proxección do documental A mestra da Escola, presentado pola súa directora.

Documental de xornalismo de investigación histórica e testemuñal sobre as mestras rurais e a historia da educación en Galicia. Dirixido por Alba Prol e producido por Meteórica Cine, está destinado a un público amplo e heteroxéneo, especialmente para a comunidade educativa e para o ámbito familiar. Conta coa colaboración do Museo Pedagóxico de Galicia.

Continuarán o 19 de novembro, á mesma hora, co film A Virxe Roxa, tamén presentado polo seu director. Documental que narra o asesinato de Hildegart Rodríguez a mans da sua nai Aurora. En 1933 Aurora Rodríguez mata a tiros á súa propia filla Hildegart, mentres esta dormía. A moza , con só 18 anos, era unha das feministas máis destacadas da Segunda República Española. Pero tamén era un produto perfectamente calculado e deseñado pola súa nai para que fose a liberadora da muller. Os plans de Aurora non saíron cómo estaba previsto.

Contaba morrer, do monologuista e contacontos Lois Pérez, será a proxección que se fará o 3 de decembro. Esta peza sintetiza moi ben a relación dos galegos e as galegas coa morte, e pon de manifesto certa retranca. Todo o mundo conta morrer, pero non sempre se lle pon nome.

O espectáculo reflicte o optimismo tráxico que nos caracteriza aos galegos e as galegas. Haberá unha parte de narración oral, que será o groso da proposta, na que confluirán distintas historias, e na parte final, poesía…

O 17 de decembro toca sesión infantil con Teatro Infantil Ghazafhellos e a peza Iriña Bailarina. Un pirata, un xogador de futbolín, unha bailarina de caixiña de música e un único desexo; xogar sen límites para medrar sen “medidas”.

Ghazafelhos propón reflexionar sobre a igualdade de xénero, o cambio de roles ou os estereotipos sociais . Iriña bailarina esculca na ruptura de roles convencionais a través dunha bailarina que vive nunha caixa de música e que devece por poder saír do espazo que a anoa a dar voltas sen cesar para poder xogar ao futbolín.

Rematará a invernada o día 30, ás 19.30 horas con outro espectáculo infantil, neste caso Peter Punk-Punkdemia.
Peter Punk convértese no doutor Punkdemia, con un espectáculo viral no que ofrece a súa particular visión da Pandemia.

Punkdemia céntrase en novas rutinas, descubriremos como se viste un paiaso para protexerse da covid-19, uso de mascarillas, vacinas e o equilibrio necesario para facer fronte á desescalada.