Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Nova edición do Camiño Gastronómico do Mar, que fomenta o consumo de peixe

Por 7 Novembro, 2022Novembro 8th, 2022Sin comentarios

A Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela, coa colaboración da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, pon en marcha unha nova edición do Camiño Gastronómico do Mar, unha campaña gastronómica que servirá un ano  más para promocionar o Camiño do Mar, ruta xacobea que comunica por  terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.

Nesta edición os participantes no Camiño, ademais de saborear receitas de  “Peixe de Burela”, calzarán as botas para percorrer cada domingo unha etapa  especial da ruta xacobea.

Durante as vindeiras catro fins de semana o Camiño Gastronómico do Mar pisará os oito concellos da costa luguesa polos que pasa o Camiño do Mar,  visitando cada domingo dous deles. En total serán catro etapas de  aproximadamente 20 km cada unha.

A primeira etapa partirá de Ribadeo o próximo domingo 13 de novembro pola  mañá e visitará tamén o concello de Barreiros. A inscrición para tomar parte  en cada xornada debe realizarse ata o xoves de cada semana na web da  asociación. Seguirán as etapas de Foz-Burela o seguinte domingo día 20, Cervo-Xove o 27 de novembro e finalmente Viveiro-O Vicedo o domingo 4 de decembro.

Como novidade nesta edición, ao final de cada etapa ofrecerase a tódolos participantes unha degustación de produtos da lonxa de Burela a cargo de  chefs da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrella Galicia.

Ademais da satisfacción de pisar camiños milenarios e saborear a  gastronomía do mar, os participantes no Camiño Gastronómico do Mar 2022 tamén poderán selar en cada concello a súa particular “Compostela” e optarán a un premio final, xa que entre todos eles sortearase unha cea para  dúas persoas nun dos restaurantes que a Asociación Cociñeiros Lugo ten na  Mariña.

Esta campaña conta coa colaboración dos concellos polos que discurre a ruta e de Armadores de Burela, e enmárcase dentro das accións de promoción da  OPP-7 incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual, e contan  coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca.