Skip to main content
Alfoz

A biblioteca de Alfoz continúa incorporando novo equipamento e servizos

Por 14 Novembro, 2022Sin comentarios

Ao longo destes tres anos o Concello de Alfoz fixo unha reforma integral do espazo da biblioteca renovando a totalidade dos andeis metálicos por librerías de maior capacidade e de cor branca que transformaron por completo o espazo.

Tamén reorganizouse a iluminación que ademais foi substituída por leds e incorporáronse novas seccións coma o Recuncho Violeta, con lecturas e xogos de igualdade non só para disfrutar na biblioteca, posto que se utilizan tamén nos programas de conciliación municipal no CEIP Castro de Ouro.

Por outra banda dotouse de equipamento como un proxector, altavoces, pantalla, libros electrónicos, tablets e ordenadores portátiles que se suman aos 2 de sobremesa existentes. Isto permitiú tamén levar a cabo distintas actividades formativas coma os cursos para aprender a usar os móbiles ou outros coma o de libros electrónicos. Conta ademais con conexión a internet de fibra, garantindo a calidade e velocidade no uso da rede.

Neste ano, “destacamos a creación dunha zona infantil, que complementa a existente, cun espazo para os máis pequenos con monicreques e un teatro de guiñol ademais da zona de lectura “no chan” con coxíns e pufs para ler e xogar”, din dende o Concello, “tamén se adquiriron gran número de revistas, cos correspondentes mobles revisteiros, que era un eido que non tíñamos cuberto e que está tendo moi boa acollida”.

Colocouse un buzón exterior para poder devolver os libros fóra do horario de apertura da biblioteca que é de luns a venres de 15.00 a 20.00 horas.

O fondo bibliográfico increméntase continuamente con obras de todos os xéneros a través de axudas doutras administracións e fondos propios, por exemplo, recentemente adquiríronse os libros recomendados nas Axendas Coeducativas que a Área de Igualdade fai para todos os estudantes, así como as lecturas obrigatorias dos distintos IES da Mariña onde estudan os rapaces e rapazas de Alfoz.

Pero non é só un cambio físico o que experimentou a biblioteca, senón unha dinamización continua que nos leva a falar de programas coma a Bibliopiscina que durante xullo e agosto permite disfrutar da lectura na Piscina Municipal. As Mochilas Viaxeiras que fomentan a lectura entre os maiores do Programa de Envellecemento Activo Activamente.

O club de lectura que conta actualmente con 17 integrantes e que é unha das actividades máis dinámicas da biblioteca e conta con visitas de autores e presentacións de libros.

Numerosos obradoiros dirixidos aos máis pequenos ao longo de todo o ano así como un blogue propio ao que se pode acceder desde a páxina web do concello, concursos coma o de Postais de Nadal ou de debuxo e narrativa das Letras Galegas.

Todo isto se logrou con distintas axudas da Xunta de Galicia, do Plan Único da Deputación Provincial e con fondos propios do Concello, a nivel económico e, sobre todo, con traballo para día a día mellorar non só o entorno físico da biblioteca senón facer dela un espazo cultural de referencia no Concello de Alfoz.