Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

Burela acolle esta semana a Interfederativa de Confrarías do Cantábrico Noroeste

Por 6 Novembro, 2022Sin comentarios

As federacións de confrarías de pescadores do cantábrico teñen unha cita a próxima  semana en Burela (Lugo), que acollerá unha nova edición da “Interfederativa de Confrarías  de Pescadores do Cantábrico-Noroeste”, na que representantes dos pósitos galegos,  asturianos, cántabros e vascos volverán abordar diferentes temas de interese común para  as confradías de pescadores do Cantábrico-Noroeste. 

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo organiza esta nova cita, que  se celebra no Hotel Nordés de Burela o luns 7 e martes 8 de novembro, para reflexionar  sobre temas de interese das frotas artesanais, analizar a súa situación actual e os principais  retos de futuro.

Durante a tarde do lunes os representantes das federacións de confrarías manterán unha  Xornada Técnica onde se fará unha revisión das conclusións da última Interfederativa, que  se celebrou en Viveiro hai un ano, e abordaranse as principais preocupacións do sector. 

O Congreso pecharase na mañá do martes con unha xornada de traballo conxunta entre  representantes das confrarías e das administracións pesqueiras de España e das  comunidades autónomas do cantábrico. Como é habitual, nesta reunión o sector exporá ás  administracións as principais conclusións derivadas do traballo do día anterior.