Skip to main content
Ribadeo

Preséntase hoxe o libro ‘Ribadenses destacados. 44 biografías, séculos XIX a XXI’

Por 25 Novembro, 2022Sin comentarios

No libro Ribadenses destacados. 44 biografías, séculos XIX a XXI, que se presentará hoxe, 25 de novembro, ás 20.00 horas no Teatro, aparecen as biografías de diferentes persoeiros que destacaron como artistas plásticos, músicos, xornalistas, mestres, intelectuais, científicos e inventores, políticos, xuristas, empresarios e benfeitores e que naceron, viviron ou desenvolveron unha parte significativa da súa obra en Ribadeo. Entre eles aparecen tres mulleres: Manuela Barreiro, Corona González e Luz Pozo.

O libro está coordinado por Francisco Díaz-Fierros Viqueira e por unha Comisión Asesora formada por  Carlos Álvarez Lebredo, Toni Deaño Gamallo e Chemi Lombardero Rico. Está escrito por un total de 18 autores ribadenses, que ou ben tiveron unha relación especial cos biografados ou son recoñecidos investigadores da historia local. A obra foi patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Conta con debuxos de Juan López Rico e unha portada de Fernando F. Paez, tamén nados nesta vila, polo que este libro pode considerarse como unha obra colectiva de ribadenses que tentan recuperar do esquecemento a homes e mulleres que co seu traballo singular, a súa proxección pública ou a súa dedicación ao engrandecemento e benestar de Ribadeo, merecen o recoñecemento e agradecemento de todos.

O acto desta tarde estará presidido polo alcalde, Fernando Suárez, e no mesmo intervirán Francisco Díaz-Fierros como coordinador do libro, Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Ribadeo, e Mª Xosé Gómez, representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística, patrocinadora do libro.